A Consellería do Mar prevé a incorporación de 200 novos permisos de explotación para marisqueo a pé en 2018

Unha das principais novidades afecta ás confrarías de Muros e Noia que contarán cun plan específico de explotación para marisqueo a pé, o que lles permitirá traballar as praias da banda norte da ría todo o ano en lugar de facelo de outubro a marzo
Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Consellería do Mar prevé a incorporación de 200 novos permisos de explotación para marisqueo a pé en 2018

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2018, que establece o réxime necesario para que o marisqueo se desenvolva coas garantías dunha boa xestión do recurso. Ao abeiro deste documento a Consellería do Mar dá a súa conformidade simultaneamente un total de 94 plans de explotación presentados polas entidades asociativas do sector. Nestes plans contémplase a incorporación de 200 novos permisos de explotación para marisqueo a pé e de 24 novas embarcacións coa modalidade de marisqueo a flote con vara.

Unha das novidades no marco desta folla de ruta é o plan específico de explotación das confrarías de Muros e Noia para marisqueo a pé en zona de libre marisqueo. Deste xeito, os colectivos de ambas confrarías poderán traballar as praias da banda norte da ría durante todo o ano en lugar de facelo só de outubro a marzo como viñan facendo nos últimos dez anos.

Esta nova fórmula tradúcese nunha mellora da xestión das zonas de libre marisqueo a pé que neste caso xorde do proxecto “Deseño e desenvolvemento dun protocolo de coxestión entre as confrarías da Ría Muros-Noia” que se lle aprobou ás confrarías de Muros e Noia na convocatoria de 2017 de axudas a proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Por outra banda e como outra das principais novidades para este ano, contémplanse medidas de xestión para o marisqueo no banco das Pías e zona adxacente para as confrarías de Ferrol e Barallobre. Esta fórmula é posible grazas á mellora da clasificación microbiolóxica desa zona, que pasou de C a B, o que permite aos profesionais extraer e comercializar marisco nesta zona sen necesidade de sometelo a un proceso de reinstalación.

A maiores, cómpre destacar que este ano os plans aprobados para o 2018 inclúen información sobre a biodiversidade, o uso do territorio e o cambio climático das zonas que lle corresponden. O obxectivo desta información é fomentar o uso axeitado do territorio e coñecer máis sobre os efectos do cambio climático, entre outros, e incluír información adicional sobre cuestións esencialmente medioambientais.

En canto aos períodos autorizados para a captura de crustáceos, que establece cada ano este plan, está permitido capturar nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro. Ademais a lagosta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro e o santiaguiño poderase capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. A maiores, especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

En relación aos poliquetos – vermes mariños para cebo no litoral de Galicia- o plan mantén que as entidades asociativas do sector poden contemplar dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira zonas para que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos.

Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licenzas de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.

Recursos específicos

O DOG tamén publica hoxe a orde dos plans de xestión de recursos específicos, que son o percebe, os solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), os equinodermos (ourizo de mar e holoturias como o carallo de mar), a peneira, as algas, as anémones e os poliquetos. A través dela a Consellería aproba un total de 136 plans de xestión para o 2018.

Deles, 33 son de percebe, 17 de equinodermos, 24 de solénidos, cinco son de peneira, 23 de algas, 10 de anemones e 24 de poliquetos. Destes plans son novos o de anemones a pé da Agrupación de mariscadoras San Cosme de Barreiros, o de ourizo mediante mergullo da confraría de Muros, o de algas mediante mergullo da confraría de Vilanova de Arousa e o de poliquetos a pé da confraría de Aldán-Hío. Todos estes plans tamén inclúen como novidade información sobre a biodiversidade, o uso do territorio e o cambio climático das zonas que lle corresponden.