A Consellería do Mar retira máis de 166.000 quilos de residuos dos fondos mariños no marco do Plan de limpeza de dársenas

Portos de Galicia desenvolveu esta iniciativa en peiraos das tres provincias costeiras durante catro anos entre 2013 e 2017
Publicado por o día 15/12/2017 na sección de Medio Ambiente

A Consellería do Mar retira máis de 166.000 quilos de residuos dos fondos mariños no marco do Plan de limpeza de dársenas

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, leva retirado máis de 166.000 quilos de residuos voluminosos dos fondos mariños dentro do Plan de limpeza de dársenas que vén desenvolvendo o ente público dende o ano 2013. Así o comunicou o presidente do ente público, José Juan Durán, esta mañá nunha rolda de prensa celebrada na sé do organismo en Pontevedra.

Durán Hermida lembrou que ata o momento téñense executado catro fases deste plan, posto en marcha por primeira vez en 2013 e 2014 e retomado en 2016 e 2017.Nestas catro edicións desenvolvéronse limpezas subacuáticas en máis dunha trintena de dársenas das tres provincias costeiras.

Segundo explicou o presidente de Portos, ao peche da campaña de 2017 na provincia de Pontevedra recolléronse 18.060 quilos procedentes da limpeza dos portos de Cesantes (1.100 quilos); Baiona (3.360 quilos); Bueu (3.820 quilos); Meloxo (5.040 quilos) en Vilanova de Arousa (4.740 quilos). En total en Galicia, neste 2017 recolléronse 38.260 quilos de residuos voluminosos, que se suman aos 85.000 rexistrados en 2016; 12.200 en 2014; e 30.800 en 2013.

Entre os residuos extraídos, destacan obxectos de medianas e grandes dimensións como aparellos de pesca, cabos… e a nivel anecdótico, recuperáronse vallas de sinalización, cadeiras e ata unha moto. O equipo de traballo habitual está formado por cinco mergulladores e como medios mecánicos contouse cun barco con grúa. Ademais da empresa encargada da limpeza na lámina de auga, dende terra colabora con ela a empresa concesionaria do servizo de limpeza de Portos de Galicia. Esta é a encargada da recollida do lixo e depósito nos contedores de recollida selectiva xa preparados.

O obxectivo último desta acción de Portos de Galicia é mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña. Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público.