A Consellería de Medio Ambiente anuncia que antes deste verán se aprobará a declaración provisional como ENIL da Fraga de Casas Vellas en Lalín

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio subliña que a declaración de impacto ambiental da liña de alta tensión O Irixo-Lalín está en vigor e seguiu en todo momento o procedemento legal
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente anuncia que antes deste verán se aprobará a declaración provisional como ENIL da Fraga de Casas Vellas en Lalín

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou que o seu departamento aprobará antes de este mesmo verán a declaración provisional como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Fraga de Casas Vellas. Mato Otero lembrou que esta declaración foi solicitada polo Concello de Lalín o pasado mes de decembro e que, tras a solicitude dos informes necesarios, en breve abrirase o proceso de participación pública e alegacións.

A responsable de Medio Ambiente compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento, onde destacou que a declaración de impacto ambiental da Liña de Alta Tensión O Irixo-Lalín segue actualmente en vigor e tramitouse en todo momento seguindo o procedemento legal. A conselleira engadiu que a Xunta vela pola protección do medio ambiental, tal e como demostra o feito de que se solicitara unha modificación do proxecto inicial presentado para adaptarse ás condicións impostas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (agora de Patrimonio Natural) ou de Patrimonio.

Incidiu en que a Consellería deu a oportuna tramitación ambiental ao proxecto e que na declaración de impacto ambiental se incluíron todas as condicións que se consideraron precisas para garantir a integración ambiental do proxecto. Así, solicitáronse os preceptivos informes sectoriais e establecéronse condicionamentos ao respecto da protección e conservación de diferentes eidos como as augas, o solo, a vexetación, os hábitats naturais, o patrimonio cultural, a paisaxe e a poboación.

En relación á sentenza do proceso xudicial entre o Concello de Lalín e Fenosa, a conselleira fixo fincapé en que este procedemento, que aínda non conta cunha sentenza firme, fai referencia á licenza municipal do proxecto e que a Xunta non é parte.