A Consellería de Medio Ambiente realizará un estudo para optimizar o protocolo de apertura da lagoa da Frouxeira

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, reuniuse hoxe co alcalde de Valdoviño, co xefe da Demarcación de Costas e coa xefa territorial de Medio Ambiente para revisar o actual plan de actuación co fin de evitar asolagamentos
Publicado por o día 22/01/2018 na sección de Medio Ambiente

A Consellería de Medio Ambiente realizará un estudo para optimizar o protocolo de apertura da lagoa da Frouxeira

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio realizará un estudo técnico co obxectivo de definir un novo protocolo de actuación para a regulación do nivel da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño. Así o comprometeu esta mañá durante unha reunión de traballo na que participaron, entre outros, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, o xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil, e a xefa territorial de A Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión.

A comezos de xaneiro, acordouse proceder á apertura da lagoa despois de que alcanzara o nivel máximo previsto no Plan de Conservación deste espazo, e días despois foi necesario proceder ao seu peche para evitar que se chegara ao nivel mínimo. Tras estes acontecementos, a reunión desta mañá centrouse na posible revisión do protocolo vixente para regular o nivel de auga embalsada co fin de evitar en gran medida o asolagamento das zonas de paseo e das fincas limítrofes a este espazo natural.

Para realizar o devandito estudo técnico crearase un equipo multidisciplinar formado por expertos en dinámica do litoral e biólogos que se encargarán de definir un novo e mellorado protocolo que minimice os efectos de futuras aperturas. O obxectivo da revisión pasa por delimitar coa máxima precisión as cotas mínima e máxima de nivel de auga da lagoa.

A lagoa da Frouxeira é un dos cinco humidais protexidos en Galicia e conta, ademais, con outras figuras de protección como as de humidal protexido de importancia internacional, zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial conservación (ZEC).

Esta zona húmida foi sometida no século pasado a diferentes cambios motivadas pola propia actividade humana na zona, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral – lagoa.

Na actualidade, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a cubeta e o mar permanece pechada, producindo unha suba do nivel de auga que pode provocar inundacións tanto na zona viaria anexa coma nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral para o posterior baleirado da lagoa. O Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño, aprobado en 2015, contempla xa que se poidan dar este tipo de situacións e, dentro do seu programa de actuacións, establece un protocolo para proceder á apertura da canle, en tanto non se recupere o seu funcionamento natural.

Na reunión de hoxe, Xunta, Concello e Demarcación de Costas acordaron unir os seus esforzos e colaborar co fin de optimizar o protocolo vixente, acometendo a súa revisión a través do devandito estudo e co obxectivo de minimizar no futuro os posibles efectos da apertura da lagoa de forma artificial.