A Consellería de Sanidade fomenta o consumo de leite e lácteos para unha alimentación saudable

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Interprofesional Láctea (InLac), José Armando Tellado, asinaron un convenio marco para fomentar e consumo de leite e derivados lácteos e contribuír así a unha alimentación saudable
Publicado por o día 20/02/2017 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

A Consellería de Sanidade fomenta o consumo de leite e lácteos para unha alimentación saudable

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Interprofesional Láctea (InLac), José Armando Tellado, asinaron un convenio marco para fomentar e consumo de leite e derivados lácteos e contribuír así a unha alimentación saudable.

O conselleiro de Sanidade sinalou que o leite é un alimento que debe estar presente en todas as etapas da vida, sendo especialmente importante nos primeiros anos, durante o embarazo e na prevención da fraxilidade dos maiores. Os produtos lácteos destacan polo seu elevado contido en proteínas de alto valor biolóxico, ademais do aporte de graxa e vitaminas liposolubles. Tamén destacou Jesús Vázquez que en Galicia, onde o consumo de leite é tradicionalmente alto, constitúe unha das principais fontes de calcio.

Con este documento preténdense dotar dun novo marco para continuar traballando na defensa dos beneficios para a saúde do consumo de leite e derivados, e como principais liñas de actuación destaca a de obter consenso sobre recomendacións de consumo de alimentos de orixe láctea de acordo a estándares e recomendacións nacionais e internacionais; promover o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos hábitos de consumo dunha alimentación saudable; impulsar a investigación e innovación buscando posibles efectos beneficiosos e nutricionais ds lácteos; buscar alternativas para facer fronte ás demandas dos consumidores, fomentando novos hábitos e formas de consumo; ou por en marcha calquera actividade relacionada coa mellora da saúde da poboación e a adopción de estilos de vida saudables.

Este non é o primeiro encontro que a Inlac mantén coa Xunta. De feito, mantén un contacto fluído coa Consellería do Medio Rural, coa que se está a traballar para fomentar o consumo de leite en Galicia e o resto de España para facer fronte ao descenso continuado rexistrado nos últimos anos. Así, búscase poñer en relación o estilo de vida saudable e o consumo de lácteos a través de diferentes materiais, tendo como público obxectivo tanto aos consumidores en xeral como á comunidade médica e científica. Galicia é pioneira na posta en valor da orixe do leite con calidade diferenciada a través do selo “Galega 100%” e quere reforzar a colaboración coa Inlac nesta materia, aportando a súa experiencia.

InLac é a interprofesional que engloba a todo o sector lácteo, con membros que representan tanto á produción (ASAJA, COAG, UPA e Cooperativas Agro-Alimentarias de España) como á transformadora (FENIL e Cooperativas Agro-Alimentarias de España).