A Consellería de Sanidade leva tratados máis de 6.000 pacientes cos novos antivirais da Hepatite C

Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da enfermidade no Sistema Nacional de Salud, sextuplicando dende entón o número de tratamentos
Por o 09/12/2017 | Sección: Salud,Sanidad
A Consellería de Sanidade leva tratados máis de 6.000 pacientes cos novos antivirais da Hepatite C

Galicia foi a primeira comunidade autónoma que puxo en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema nacional de salud. Fíxoo o 1 de abril de 2015, despois de que o 26 de marzo fora aprobado polo Consejo interterritorial del sistema nacional de salud (CISNS). Ata ese momento, o Sergas tiña iniciado 1.137 tratamentos para a Hepatite C cos novos antivirais comercializados desde o ano 2012. Coa posta en marcha do Plan estratéxico, o número de tratamentos case se sextuplicou ata chegar aos 6.192 pacientes a 31 de outubro deste ano.

Galicia destaca a nivel nacional polo seu pleno desenvolvemento do Plan Nacional e pola posta en marcha de todas as iniciativas dende o primeiro momento. Nesta liña, a Consellería de Sanidade vai parella ao Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad en canto poñer en práctica as distintas liñas estratéxicas do Plan: prevención, educación sanitaria, tratamento, seguimento e investigación. Dende o Sergas, asumíronse de xeito inmediato calquera das actualizacións ou novidades implementadas no plan.

Proba disto e que o 21 de xuño deste ano, o CISNS aprobó a extensión do tratamento da hepatite crónica polo VHC e ao día seguinte, o Sergas xa o tiña implementado.

Como consecuencia desta extensión, o tratamento da hepatite crónica polo VHC chega agora a pacientes de todos os grados de fibrose. É dicir, que os casos de menor gravidade, os chamados graos F0 e F1, acceden tamén a esta medicación, segundo indicación médica. Dende a entrada en vigor da extensión do tratamento iniciáronse 612 tratamentos, dos cales 382 foron para pacientes con grado de fibrose F0 e F1, un 62,42%.

Á vista dos resultados rexistrados na poboación galega, os antivirais de acción directa mostran unha efectividade do 95,22%. Esta cifra aumenta ata o 97,11% se non se contabilizan os doentes que non remataron o tratamento por diversos motivos.

Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde
Os avances nos últimos anos, e a rápida incorporación de novidades terapéuticas e de novos ADD incluídos no financiamento do Sistema Nacional de Saúde, fixeron necesario contar cun Plan para abordar a Hepatite C de forma homoxénea entre todas as comunidades. Naceu así o Plan Estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Saúde. O Sergas participa no Comité Institucional no que se analizan e propoñen as liñas de acción comúns a desenvolver nas distintas Comunidades Autónomas en relación co despregue de todas as estratexias recollidas no plan nacional.

Este plan, en principio con vixencia de tres anos e agora ampliado ata o 2020, ten como obxectivo diminuír a morbi/mortalidade causada polo virus da hepatite C (VHC) abordando eficientemente a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes.

A infección polo virus VHC é unha das principais causas de hepatoloxía crónica en todo o mundo. As repercusións que ten a infección polo VHC a longo prazo son moi variables, e van dende alteracións mínimas ata a fibrose extensa do fígado e a cirrose con ou sen carcinoma hepatocelular.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.