O Consello da Xunta aprobará mañá a contratación das novas concesións de transporte público con plenas garantías para a continuidade do emprego e para o futuro das pemes Escoitar

Os novos contratos de transporte incluirán unha cláusula de subrogación que garantirá que todos os traballadores dunha liña de transporte poderán manter o emprego coa adxudicación a unha nova empresa
Publicado por o día 05/07/2017 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobará mañá a contratación das novas concesións de transporte público con plenas garantías para a continuidade do emprego e para o futuro das pemes Escoitar

O Consello da Xunta aprobará mañá o inicio da contratación das novas concesións de transporte público con plenas garantías para a continuidade do emprego e para o futuro das pequenas e medianas empresas do sector. Así o trasladaron esta mañá os representantes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda ás centrais sindicais, nunha nova xuntanza na que abordaron o Plan de transporte público de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez informou de que o inicio desta tramitación administrativa permitirá garantir a continuidade dos servizos de autobús e do emprego a partir do vindeiro mes de agosto, momento en que se materializarán as renuncias das empresas ás concesións públicas de transporte de pasaxeiros.

Os representantes do Goberno galego confirmaron ante os sindicatos que os novos contratos de transporte incluirán a cláusula de subrogación que garante que todos os traballadores dunha liña de transporte poderán manter o emprego coa adxudicación do servizo a unha nova empresa.

Esa blindaxe do emprego reforzarase con garantías para a viabilidade das concesións asociadas ás obrigas de subrogación dos traballadores, mentres que o incumprimento destas figurará como unha causa específica de resolución dos contratos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda apuntou que esta cláusula de subrogación que se incluirá nos contratos constitúe unha referencia a nivel nacional, posto que é a primeira vez que unha licitación pública fixa con tal grao de concreción a obriga de subrogación dos traballadores por parte das empresas adxudicatarias.

Proposta de incremento do 25% do orzamento para condutores

Xunto con isto, o Goberno galego propúxolle hoxe ás centrais sindicais abordar conxuntamente un incremento dun 25% do orzamento previsto nos contratos para os condutores, asociado a un aumento da carga de traballo e o reforzo dos servizos de transporte da que se beneficiará eminentemente a poboación do rural.

O Goberno galego destaca a enorme vontade negociadora que está a demostrar e volverá reunirse mañá pola tarde coa patronal e os sindicatos.

Este plan é a única alternativa viable e legal para que a partir de agosto continúe a haber servizos de autobús na provincia de Ourense, en gran parte da provincia de Lugo, e en áreas concretas das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Estas zonas están afectadas polas renuncias das empresas de transporte a seguir prestando os servizos de autobús que tiñan concesionados a partir do vindeiro mes, poñendo en risco non só o transporte público, senón tamén moitos postos de traballo.

O Plan de transporte público de Galicia non só permitirá manter eses servizos e o emprego, senón que mellorará notablemente as posibilidades de mobilidade no medio rural. Iso será posible ao permitir que os veciños do rural empreguen as liñas de autobús de transporte escolar, que ten unha rede territorial moito máis extensa.

Ese uso compartido do transporte irá acompañado de melloras tamén para os escolares, cuxa atención estará blindada nos contratos, mantendo intactos os tempos de percorrido e os horarios de saída e chegada.

Ademais, incluiranse garantías máis elevadas que as previstas pola lei, ao asegurarse a presenza dun monitor acompañante escolar en todas as rutas de transporte compartido.