O Consello das Mareas aprobou unha resolución respecto da regresión de dereitos civís e liberdades que se está a sufrir no Estado

Na xuntanza desta mañá acordouse ademais apoiar activamente a folga feminista do vindeiro 8 de Marzo
Por o 24/02/2018 | Sección: En Marea,Política
O Consello das Mareas aprobou unha resolución respecto da regresión de dereitos civís e liberdades que se está a sufrir no Estado

Na xuntanza do Consello das Mareas reunido esta mañá acordouse tramitar e enviar a todas as inscritas para o seu debate as teses base para o Plenario que terá lugar o vindeiro 17 de marzo. Igualmente aprobouse unha resolución respecto da regresión de dereitos cívicos e liberdades que se está a sufrir no Estado español. Na mesma En Marea amosa a súa defensa da liberdade de expresión coma un dereito humano fundamental e universal. Nos últimos tempos, flagrantes acontecementos comprometen este dereito básico das persoas, co obxectivo de limitar e conter o citado dereito.

Estes atentados á liberdade de expresión veñen acompañados da manipulación mediática indecente de todo aquilo que supoña cuestionar o estatus quo da reforma política do 78 e que evidencie as carencias democráticas do estado español e a súa deriva totalitaria e recentralizadora, do que tamén temos exemplos graves no tratamento do que está acontecendo coa declaración da República Catalá e a persecución das ideoloxías soberanistas.

Reprímese a discrepancia política, atácase a liberdade de expresión, secuéstranse libros, criminalízanse protestas, mobilizacións, exercicio cívico na defensa das ideas, entre outras. Estes recortes na liberdade de expresión que estamos vivindo nas últimas semanas son a manifestación dun fenómeno que leva anos producíndose: a Lei Mordaza, penalizadora da liberdade de expresión coa clara finalidade de amedrentar a toda persoa que se atrevera a protestar.

Dende En Marea vemos moitos exemplos que se poderían poñer dunha evidente persecución ideolóxica e política, así como unha grave vulneración de dereitos civís da que son vítimas as persoas que cuestionan ou discrepan das políticas do poder e do goberno do Partido Popular. Asistimos así a un recrudecemento da persecución pola vía penal de certos actos que recordan outros tempos pasados mentres outros, como a corrupción, por exemplo, non se perseguen do mesmo xeito.

Desde En Marea solidarizámonos e apoiamos a tódalas persoas que padecen esta inxusta represión e estaremos ao seu carón para mudar o réxime do 78 e rematar coas políticas opresoras do Partido Popular e facemos un chamado á cidadanía a non permitir esta deriva autoritaria do Estado.

Apoio á folga feminista

O consello das Mareas acordou así mesmo esta mañá apoiar activamente a folga feminista convocada para o vindeiro 8 de marzo, Día internacional da Muller, para entre todas das visibilidade ao papel fundamental e imprescindible das mulleres na sociedade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.