O Consello Xacobeo inicia os trámites para que o Xacobeo 2021 sexa declarado acontecemento de excepcional interese público

A Comisión Executiva do Consello Xacobeo reuniuse hoxe na capital galega para avanzar en acordos e iniciativas coordinadas entre o Goberno central e as diversas comunidades autonómas polas que discorren os Camiños de Santiago históricos
Por o 23/10/2017 | Sección: Turismo
O Consello Xacobeo inicia os trámites para que o Xacobeo 2021 sexa declarado acontecemento de excepcional interese público

A Comisión Executiva do Consello Xacobeo reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para avanzar en diversos acordos e iniciativas entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades autonómas. A xuntanza estivo presidida por Óscar Sáenz de Santamaría, director xeral de Industrias Culturais e do Libro do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Entre as principais decisións adoptadas estivo elevar ao Pleno a proposta de declaración do Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público aos efectos da aplicación de diversos beneficios fiscais. Así mesmo, crearase un grupo para coordinar a celebración do próximo Ano Santo.

Na reunión participaron representantes de catro ministerios (Ministerio de Fomento; de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital; da Presidencia e para as Administracións Territoriais, e o propio Ministerio de Educación, Cultura e Deporte). Tamén membros de varias comunidades autonómas: Galicia, Asturias, A Rioxa, Aragón e Castela e León. A Xunta de Galicia estivo representada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, e polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

A Comisión Executiva do Consello Xacobeo acordou tamén o lanzamento de dous novos proxectos ao redor do patrimonio do Camiño de Santiago, que fomentan a súa divulgación e a participación da sociedade. Unha das campañas é O teu Camiño de Santiago, patrimonio de todos, plan formativo e de creación artística dirixido a alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Con esta proposta, na que poderán participar adolescentes de entre 12 e 16 años, tratarase de motivar neles unha reflexión sobre a importancia da conservación do patrimonio. Pode consultarse máis información na web tucaminodesantiagoconcurso.es.

Mapa dixital e sinalización

En paralelo, e con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, promoverase o plan Obxectivo: Camiño. Trátase dunha exposición itinerante a partir de imaxes xeolocalizadas da ruta xacobea compartidas, coas súas coordenadas GPS, a través da web objetivocamino.es. Invitarase a participar neste proxecto a centros que impartan estudos profesionais no eido da fotografía, co fin de incentivar o patrimonio cultural como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e apoiar á vez a profesionalización dos mozos fotógrafos.

Na xuntanza da Comisión Executiva do Consello Xacobeo, celebrada na sede do Consello Económico e Social de Galicia (CES), avanzouse tamén na preparación de contidos sobre os principais bens culturais do Camiño de Santiago a súa publicación no novo mapa dixital interactivo da ruta, elaborado en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional. Do mesmo xeito, adoptáronse acordos sobre recomendacións de sinalización para os peregrinos.

Seminario Camiño de Santiago e Europa

A convocatoria da Comisión Executiva do Consello Xacobeo enmárcase na programación conmemorativa que Turismo de Galicia impulsa no 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que se produciu o 23 de outubro de 1987. De feito, previamente ao inicio desta xuntanza, inaugurouse o seminario Camiños de Santiago e Europa, organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións da Universidade de Santiago, en colaboración co Grupo Compostela de Universidades.

Nava Castro participou nesta apertura na que, declarou, “se fai memoria dun dos nosos símbolos máis universais e que mellor representan aquelo que nos identifica”. “O debate e o intercambio de ideas terán unha presenza moi destacada nesta conmemoración. Como ao final da cada etapa da ruta xacobea, é convinte deterse para analizar e pensar, recapitular os quilómetros xa percorridos e así encarar o próximo treito”, afirmou a directora de Turismo.

O programa de hoxe continúa co acto oficial presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co concerto de Amancio Prada na Catedral de Santiago. Na xornada de mañá, na que seguirá o seminario, terá lugar a entrega dos Premios Camiño de Santiago 2017 e a xuntanza do Comité Técnico da Federación Europea do Camiño de Santiago.