“Consentimento reforzado debera ter Feijóo antes de falar” do paridoiro de Verín

Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Política,PSOE

“Consentimento reforzado debera ter Feijóo antes de falar” do paridoiro de Verín

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou hoxe que “consentimento reforzado debera ter Feijóo antes de falar” do peche do paridoiro de Verín, porque “cada vez que fala é un desastre”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre o anuncio de peche e posterior reapertura do servizo do Hospital comarcal, obrigando a “xustificar o inxustificable”.

O responsable socialista criticou que o presidente da Xunta recorra agora a unha “fuxida para adiante derivada do seu nerviosismo”, e que “pon en dúbida ao sistema sanitario dicindo que non son quen de garantir a seguridade”. Criticou que o xerente do Sergas confunda agora “consentimento reforzado co consentimento informado”, e lembrou que “cando alguén ten que reforzar é porque é débil ou inseguro”.

Criticou o “nivel de soberbia” amosado polo goberno galego que “non son capaces de asumir que tiveron que rectificar, equivocáronse e cometeron un erro” e esixiulles que “garantan que prestan un dereito plenamente cuberto e garantido” pola administración pública.

Conciencia subastable

Torrado fixo un relato da “fuxida para adiante” do presidente da Xunta dende o momento en que sinalou que a súa “conciencia” non lle permitía tomar decisións “en contra dos médicos” ata que cambiou aquela decisión demostrando, dixo, que “ten unha conciencia subastable”. Torrado preguntou en ton sarcástico “canto vale a cambiar a conciencia do presidente da Xunta? Un puñado de votos?”.

Polo camiño, lembrou, apelaron á pericia dos profesionais, ao número de partos, á responsabilidade das mulleres coa “barrabasada” de que darían a luz “baixo a súa responsabilidade”, despois “utilizaron aos profesionais como parapeto enfrontándoos entre si”, demostrando en todo caso que “lles daba igual danar ao sistema”.

Apuntou que finalmente tiveron que rectificar a súa decisión porque “non calcularon ben a contestación social”, o que lles obrigou a pregar velas cando tiñan “planificado pechar tamén o servizo en Valdeorras, Monforte, Burela, Cee, Ribeira e O Salnés”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.