O Consorcio Casco Vello de Vigo finaliza o ano coa adquisición dun novo edificio na rúa Abeleira Menéndez

A compra desta nova edificación formalizouse por valor de 140.000 euros e supón a oitava adquisición dun edificio nesta rúa por parte do organismo rehabilitador
Por o 28/12/2017 | Sección: Galicia,Vigo
O Consorcio Casco Vello de Vigo finaliza o ano coa adquisición dun novo edificio na rúa Abeleira Menéndez

O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) vén de formalizar a adquisición dun novo edificio situado no número 16 da rúa Abeleira Menéndez. Unha nova que se suma á firma por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Vigo do convenio que regula o funcionamento do organismo e que hoxe celebrou o seu presidente, Ignacio López-Chaves. Neste sentido, o tamén delegado territorial da Xunta en Vigo incidiu na importancia deste acordo, por canto garante a continuidade do ente rehabilitador ata o vindeiro 2021.

Segundo informou hoxe o representante do Goberno galego, a operación formalizouse por valor de 140.000 euros e supón a oitava adquisición dun edificio nesta rúa da zona alta do barrio histórico por parte do CCVV –organismo creado en 2005 e integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo–.

López-Chaves explicou que o comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) aprobou a compra deste novo edificio nunha reunión celebrada hoxe con carácter extraordinario. Ao respecto, apuntou que a tramitación do proxecto xa está en marcha e que a reforma contempla dúas vivendas e un local comercial.

O presidente do CCVV cifrou en máis de 400.000 euros o investimento dedicado este ano a compra dos tres edificios en carteira do Consorcio, xa que o de Abeleira Menéndez se suma aos previamente adquiridos na Ribeira do Berbés 7 e 41. “O balance non podería satisfacernos máis, tendo en conta as limitacións que temos á hora de negociar cos propietarios dos inmobles”, dixo, en clara referencia a que hai edificios en multipropiedade ou sinxelamente cuxos donos non queren vender. Así mesmo, celebrou que a labor do Consorcio durante estes anos incentivara a varios propietarios a reformar por motu proprio.

Asemade, recordou que neste 2017 adxudicáronse mediante concurso seis novas vivendas nas promocións Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47 e puxéronse en marcha as promocións de Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5 (xa finalizadas e nas primeiras fases do seu concurso de adxudicación) e Ferrería 8 e Cruz Verde 8. Catro edificacións que permitirán pór a disposición dos veciños da cidade olívica un local comercial e sete novas vivendas, varias delas de gran superficie para facilitar a incorporación á zona de familias, extremo sobre o que fixo especial fincapé o delegado territorial. López-Chaves subliñou a importancia de adaptar a oferta á demanda de pisos de maiores dimensións, co obxectivo de “dar estabilidade as familias, cun proxecto de futuro no barrio a longo prazo”.

Todas estas intervencións –xunto a outros traballos técnicos orientados á elaboración de proxectos de próximas rehabilitacións- supuxeron un investimento superior aos 2 millóns de euros.

99 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 73 inmobles, dos que 54 xa foron rehabilitados e cinco están en execución.
Rehabilitáronse 99 vivendas, das que 80 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 31 locais comerciais, dos que se venderon seis e oito están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

Previsión 2018

O Consorcio do Casco Vello de Vigo iniciará en 2018 a rehabilitación de catro novas edificacións e continuará coa rehabilitación doutras seis, tal como acordou o consello de administración do mesmo celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o próximo ano.
Deste xeito, o Consorcio, no que a Xunta de Galicia participa nun 90 por cento a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, continuará a rehabilitación dos edificios emprazados en Subida ao Castelo 12, Subida á Costa 5, Cruz Verde 8 e 12 e Ferrería 8 e iniciará a rehabilitación de Praza do Berbés 5, 7 e 41 e de Elduayen 31.
Nos edificios que se atopan xa en obras obteranse nove vivendas e dous locais comerciais.
Prevese que o Consorcio destine á rehabilitación destas edificacións preto de 1,3 millóns de euros.