O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), organismo integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e un dez por cento polo Concello de Vigo, aprobou na reunión do seu Consello de Administración celebrada con carácter extraordinaria esta mañá solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o inicio do procedemento de venda de cinco novas vivendas de protección autónomica (VPA) de prezo concertado, correspondentes ás promocións Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5.
O acordo adoptado polo Consello, presidido polo Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, inclúe a proposta do prezo ao que se ofertarán este novas cinco vivendas que, en todos os casos, é inferior ao máximo legal autorizado para as VPA.
Catro das novas residencias atópanse na promoción Subida ao Castelo 12, un proxecto erixido sobre unha antiga edificación que debido ao seu mal estado tivo que ser demolida tras a súa adquisición polo CCVV. O resultado é un edificio dividido en tres plantas (semisótano, planta baixa e planta alta) cun total de 325 metros cadrados construídos aos que hai que engadir 44,35 m2 de xardín e 4,30 de superficie abalconada. Dous das vivendas son tipo dúplex, distribuídas entre o semisótano e a planta baixa. A primeira delas ten unha superficie de 77,05 m2 útiles e un prezo proposto de 125.206,25 €. A segunda conta cunha superficie útil de 75,55 m2 e un prezo proposto de 122.768,75 €. Ambas contan cunha superficie axardinada na planta semisótano.
As outras dúas vivendas atópanse na planta superior. Unha delas ten unha superficie de 55,77 m2 útiles e o prezo proposto ao IGVS para ser ofertado aos interesados na súa adquisición é de 94.809 €. A superficie do segundo é de 55,72 m2 útiles e un prezo de venda proposto de 94.724 €. As catro vivendas teñen acceso independente desde a planta baixa e contan con cociña-salón-comedor; baños e zona de lavadoiro e tendal.
Subida a Costa 5
A quinta das vivendas que o CCVV poñerá a disposición daquelas familias interesadas en fixar a súa residencia nesta zona do barrio histórico de Vigo está situada na rúa Subida a Costa 5, moi próxima ao Centro de Notificacións dos Xulgados e ao Concello de Vigo. O proxecto impulsado polo Consorcio recupera unha edificación de dúas plantas que anteriormente tivera un uso hostaleiro; o carácter comercial do edificio mantense na planta baixa, en tanto que a planta superior convértese nunha residencia de 69,11 metros cadrados útiles, distribuídos en dous dormitorios, salón-comedor-cociña, baño e lavadoiro-tendal. A vivenda caracterízase pola súa luminosidade e excelentes vistas sobre boa parte do casco Vello de Vigo. O prezo proposto ao IGVS para a venda desta vivenda é de 114.031,50 €.
Ambas as promocións atópanse na fase final da súa construción e está previsto que poidan saír a concurso no primeiro trimestre de 2018. Para adquirir a calquera delas é necesario estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia e cumprir os requisitos que regulan a concesión deste tipo de vivendas.
Adxudicación de obras
Noticias de última hora en Vigo
Una respuesta para "O Consorcio Casco Vello de Vigo inicia o procedemento de venda de cinco novas vivendas"