O Consorcio Casco Vello de Vigo presenta as placas coas que se identificarán as edificacións rehabilitadas polo organismo Escoitar

O presidente do CCVV e delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mostra os distintivos que se colocarán nas promocións correspondentes ao ente
Por o 04/01/2018 | Sección: Galicia,Vigo
O Consorcio Casco Vello de Vigo presenta as placas coas que se identificarán as edificacións rehabilitadas polo organismo Escoitar

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe en rolda de prensa as placas coas que se identificarán as edificacións rehabilitadas desde o 2005, data na que bota a andar o ente -un organismo no que a Administración autonómica achega 9 de cada 10 euros-.

Trátase dun distintivo en aceiro inoxidable co logotipo do Consorcio Casco Vello de Vigo e no que reza a lenda de “edificio rehabilitado”, que se colocará en cada unha das fachadas dos inmobles de forma visible. O sinxelo deseño da peza adáptase esteticamente aos espazos na que quedará integrada.
“O obxectivo desta acción non é outro que o de identificar os edificios que desde o organismo compráronse, rehabilitáronse e vendéronse”, apuntou López-Chaves, quen subliñou o simbolismo que agocha a súa colocación. “É unha acción máis coa que se consolida a importante intervención que se está a realizar no barrio histórico da nosa cidade”, indicou, para recordar a degradación da que adoecía a zona e a necesidade da súa recuperación para os vigueses e viguesas.

O presidente do ente rehabilitador chamou así a atención sobre o exemplo que supón a creación deste organismo para o resto de cascos históricos, ao tempo que recordou que antes do Consorcio Casco Vello de Vigo houbo outras iniciativas para recuperar o barrio que non tiveron éxito.
Por último, mostrou a súa satisfacción trala firma do convenio, entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Vigo, que dá continuidade o labor do CCVV no período 2018-2021. Se prorroga así por catro anos máis a súa vixencia, que remataba a finais de 2017.

99 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 74 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución.
Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 84 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon seis e doce están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 14 restantes en fase de adxudicación.

Previsión 2018

O Consorcio do Casco Vello de Vigo iniciará en 2018 a rehabilitación de catro novas edificacións e continuará coa rehabilitación doutras seis, tal como acordou o consello de administración do mesmo celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o próximo ano.

Deste xeito, o Consorcio, no que a Xunta de Galicia participa nun 90 por cento a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, continuará a rehabilitación dos edificios emprazados en Subida ao Castelo 12, Subida á Costa 5, Cruz Verde 8 e 12 e Ferrería 8 e iniciará a rehabilitación de Praza do Berbés 5, 7 e 41 e de Elduayen 31.

Nos edificios que se atopan xa en obras obteranse nove vivendas e dous locais comerciais.
Prevese que o Consorcio destine á rehabilitación destas edificacións preto de 1,3 millóns de euros.