O Consorcio Casco Vello de Vigo prolongará a súa actividade ata 2024

O Consello de Administración solicita a Xunta e Concello a renovación do convenio que permitiu a súa constitución en 2005
Publicado por o día 10/06/2017 na sección de Galicia,Vigo

O Consorcio Casco Vello de Vigo prolongará a súa actividade ata 2024

O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) acordou na súa reunión desta mañá, convocada con carácter extraordinario e presidida polo seu titular, Ignacio López-Chaves na súa condición de Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, iniciar os trámites para solicitar a prórroga do convenio subscrito pola Xunta de Galicia e o Concello de Vigo que permitirá continuar coa actividade desta entidade durante o período 2018-2014.

O CCVV constituíuse o tres de febreiro de 2005 mediante un convenio subscrito pola Xunta de Galicia, a través o Instituto  Galego de Vivenda e Solo (IGVS),  Concello de Vigo e Consorcio Zona Franca de Vigo. Este último organismo abandonaría o Consorcio Casco Vello en 2007  sendo asumida a súa cota de participación polo IGVS, que alcanzaría con iso o 90 por cento, quedando o dez por cento restante en mans do Concello de Vigo. O obxecto do convenio era a creación dun  organismo administrativo,dotado de personalidade xurídica propia e coa finalidade de abordar a recuperación e rehabilitación do barrio histórico de Vigo.

Este convenio prorrogouse en 2011 e tras a modificación dos estatutos  o 27 de decembro de 2012 sinalábase como a súa data de conclusión a do 30 de decembro de 2017, establecéndose así mesmo nestes estatutos o procedemento para a súa prórroga, que se inicia agora coa decisión adoptada polo Consello de Administración.

Na memoria xustificativa deste acordo sinálanse catro razoes para manter a actividade do CCVV. A primeira delas é que, a pesar do intenso labor levado a cabo por este organismo de acordo coas directrices establecidas polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior Casco Vello (PEPRI), non se alcanzaron   a totalidade dos obxectivos fixados no mesmo. Neste sentido faise unha recompilación da situación de varios edificios nos que non foi posible intervir debido ás dificultades para identificar ou negociar cos seus propietarios, expóndose o establecemento de novos procedementos legais que permitan continuar co labor do CCVV.

O segundo argumento para xustificar a prórroga do convenio é o da gran aceptación das vivendas e locais rehabilitados polo consorcio, construídas baixo a figura legal de Vivenda de Protección Autonómica, o que permitiu frear e mesmo reverter o proceso de envellecemento da poboación residente nesta zona da cidade.

A memoria tamén destaca o papel dinamizador que tivo a actuación do CCVV na zona, contribuíndo a mellorar a imaxe dunha zona que ata a súa constitución caracterizábase polo sentido negativo de todas as informacións que se ocupaban dela. Finalmente, sinálanse  as novas posibilidades que abre á figura da rehabilitación o borrador do Real Decreto do Plan Estatal de Vivendas 2018-2021. No mesmo inclúense dous programas, o de “Fomento da Rexeneración e Renovación Urbana e Rural” e o “Programa de Apoio aos Mozos” que se adaptan perfectamente ao labor asignado ao Consorcio Casco Vello.

 Labor do CCVV

Desde a súa constitución en 2005 o Consorcio Casco Vello adquiriu 68 inmobles situados dentro dos límites do seu ámbito de actuación, fixados polo PEPRI Casco Vello. Deles 46 están xa totalmente rehabilitados, 7 foron transferidos a outros organismos, 4 están en proceso de construción, 5 en proxecto e tan só en seis deles, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron aínda os labores de rehabilitación.

O consorcio promoveu 108 vivendas, das que 83 xa foron vendidas e outras 15 están en distinta fase de execución. En canto a locais comerciais, interveuse en 33, dos cales 29 xa están totalmente finalizados, e unha boa parte deles están xa vendidos ou alugados.  O investimento total realizado polo Consorcio desde a súa constitución supera os 45 millóns de euros.

Outros acordos

Á marxe da decisión de manter a actividade do CCVV na sesión do Consello de Administración aprobáronse outras cuestións de carácter administrativo, como a Conta Xeral deste organismo e a Memoria de Actuacións correspondentes ao ano 2016. Así mesmo abordouse o plan de actuacións 2018-2024, para o que se contempla un investimento de quince millons de euros. Os membros do consello acordaron tamén autorizar varias actuacións relativas á posta en marcha de novas promocións e á ocupación de varios locais comerciais, incluída a venda dun deles na rúa Abeleira Menéndez.