Constitúese a Comisión de Agricultura coa portavocía de En Marea

Publicado por o día 18/02/2016 na sección de En Marea,Política

Constitúese a Comisión de Agricultura coa portavocía de En Marea

Antón Gómez-Reino é dende hoxe portavoz da Comisión de Agricultura no Congreso dos Deputados

O pasado mércores quedou constituída no Congreso dos Deputados unha comisión fundamental para os intereses específicos de Galicia e os seus sectores produtivos, a Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Antón Gómez-Reino será o portavoz do grupo confederal Podemos-En Comú Podem- En Marea que agarda “empezar a traballar canto antes nunha comisión con voz galega, pola trascendencia que teñen os sectores primarios na estruturación do país”.

Na comisión, ademais das cuestións agrogandeiras, tamén se debaterán todos os temas relacionados coas políticas pesqueiras, a alimentación e o medio ambiente. “Traballaremos para que as promesas de sempre non queden en nada e que haxa o goberno que haxa, teña en conta que traeremos demandas de absoluta lexitimidade e xustiza que deben cumprir para que o noso mundo rural continúe vivo e estruturado”, reivindicou Antón Gómez-Reino.

“As sistemáticas agresións que ten sufrido o medio natural en Galicia tiveron unha fonda repercusión e protesta social, coma o Prestige ou o estado das rías e por iso poderemos achegar en primeira persoa a voz de Galicia tamen nestes temas”, concluiu Gómez-Reino.

PRENSA EN MAREA