Conta atrás para o Galician Freaky Film Festival, o certame máis freaky de filmes galegos

O Galician Freaky Film Festival ultima os detalles do certame para que, durante os días 21, 22 e 23 de decembro, Vigo sexa a capital do universo freaky.
Publicado por o día 08/12/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Quedan menos de dúas semanas para que arranque o Galician Freaky Film Festival, un certame organizado por Reencanto Produccións, responsables do Primavera do Cine, e que pretende dar visibilidade á cultura e o audiovisual freak de orixe galego.

Por iso, do xoves 21 e ata o sábado 23 de decembro, a cidade volverá, por uns días, ó horterismo e o mundo freak que tanto marcou a toda unha xeración dende a década dos 80.

A programación

O xoves 21 ás 19.00 comezará de forma oficial o festival coa creación dun mural feito por Gonzalo Alonso en directo diante do museo Marco e que logo se convertirá no photocall do certame.

Despois, ás 21.30, chegará a gran sorpresa do día. Primeiro con unha musicalización en directo de varias pezas do cine mudo de Segundo de Chomón e, acto seguido, haberá uns petiscos e unha sesión de curtas entre as que se atoparán grandes clásicos do cine galego coma O vater susurra. Trátase dun filme de Rafael Calvo no que se poderá ver o debut dun novísimo Luis Tosar. Todo isto será na sala Videodrome, no urban market de Progreso 41.

Entre as longametraxes que se proxectarán na sala o resto de días cabe destacar A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, unha obra cumbre do frikismo galego dirixida por Antonio Blanco e Ricardo Llovo.

Ademáis, o venres 22 ás 19.00 na rúa do Príncipe, os alumnos do IES Audiovisual de Vigo coordinados por Ricardo Spencer, un dos seus docentes, farán unha dramatización que estará chea de explosións, liortas e grandes dosis de acción.

Para o sábado ás 19.00, o Galician Freaky Film Festival ten preparada unha sorpresa que inclúe maquillaxe, larpeiradas e unha canción terroríficamente freaky. Todo aquel que queira averiguar en qué consiste só ten que acudir ata o Marco para vivir unha experiencia moi divertida. Tamén irán aparecendo novidades e diferentes pistas do que será este evento na páxina do Facebook do certame.

Todas estas actividades serán coronadas por dous concertos: Mad Martin Trío na sala Transilvania o venres e Igmig no Mogambo o sábado para un fin de festa moi freaky.