Conta atrás para a segunda edición do festival sostible The Wild

O próximo 5 e 6 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia celebrarase a segunda edición do festival sostible The Wild
Publicado por o día 03/09/2020 na sección de Galicia,Eventos,Tui

Conta atrás para a segunda edición do festival sostible The Wild

O festival sostible The Wild comeza a súa conta atrás. Con case todos os flocos pechados, a segunda edición do certame terá lugar esta fin de semana, o 5 e o 6 de setembro, no Parque Forestal San Miguel de Oia. Unha contorna incomparable, rodeada de natureza, no que se darán cita a música, o cinema e a artesanía, así coma actividades infantís, obradoiros e faladoiros cun nexo de unión común: poñer en valor o medio ambiente e a natureza.

 

Nun ano marcado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus, The Wild é un dos poucos certames que resiste. Neste sentido, Juan de Castro, xestor cultural do festival afirma que “para garantir a seguridade de todos, reducimos en máis dun 90% o aforo permitido, deixando un espazo de 13.000 metros cadrados para un máximo de 800 persoas ao día”. Por suposto, esta medida completase coa obrigatoriedade de levar máscara a partir dos seis anos ou a celebración de actividades en espazos diferenciados.

 

A natureza e a sustentabilidade estarán moi presentes no evento. Así, haberá diversos faladoiros co foco posto na economía verde, pero tamén un total de 10 filmes no que os protagonistas serán o medio ambiente e os bosques, tan necesarios e fundamentais para a vida ou a andaina solidaria, a Orientaventura e os Baños de Bosque, para facer unha inmersión completa e natural.

 

Por suposto, outro dos grandes reclamos serán as actividades infantís, perfectas para os máis pequenos da casa e para os maiores, quen poderán gozar coas actuacións, entre outros, do Payaso Popín ou Cé Orquestra Pantasma. Doutra banda, os concertos, nos que o público deberá estar sentado en cadeiras ou alpacas de palla para manter a distancia social, “son moi eclécticos, para xente de todos os gustos, con grupos coma Arizona Baby, Terbutalina, Escuchando Elefantes ou The Broke”, comenta Juan Pablo Pérez, director de The Wild.

 

En definitiva, a segunda edición de The Wild será unha ocasión especial para gozar da natureza en familia e aprender moito máis sobre a sustentabilidade e a economía circular.

PREZOS

Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, poderanse adquirir as entradas a través da web de The Wild, onde tamén aparecen todos os prezos de entrada e actividades coma a andaina ou Orientaventura. 

 

A modo xeral, o sábado 5 de setembro a entrada ao festival custará 10 euros. E, se se quere acampar, o prezo será de 13 euros. O domingo a entrada será de balde.

THE WILD FEST

Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente e máis de 200 persoas acudiron a The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos.  

Na vindeira edición, The Wild, que  se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.