Contaminación de ovos con Fipronil, unha mostra máis dos riscos da industrialización alimentar

Senra acusou á UE de estar apoiando os intereses do negocio agroquímico e farmacéutico na industrialización da alimentación
Por o 01/09/2017 | Sección: AGE,Alimentación,Política
Contaminación de ovos con Fipronil, unha mostra máis dos riscos da industrialización alimentar

Na mañá de hoxe a Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea acudiu á Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo para proporcionar información sobor do penúltimo escándalo do modelo agroindustrial de producción de alimentos: o uso do pesticida prohibido Fipronil en explotacións de galiñas poñedoras de varios Estados membros, que vén de supor a retirada de ovos e produtos transformados na maioría de países da UE, así como en países extracomunitarios como Brasil ou China.

Lídia Senra, representante na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), criticou duramente a actuación das institucións europeas. Ata cando van seguir apoiando a devastadora industrialización da agricultura e a globalización dos mercados que, dende logo, son un axente de expansión deste tipo de crises alimentarias? Onde está o principio de precaución da UE cando se autorizan estes produtos?”, cuestionou. A eurodeputada galega lembrou que existe xa unha moi longa lista de escándalos vinculados á produción industrial de alimentos nos últimos anos, citando casos como o das vacas tolas, a dioxina nas fariñas das aves, a contaminación por E. Coli, a carne de cabalo detectada en lugar de tenreira, ou problemas anteriormente identificados nos ovos, como a salmonela.

“Este é un máis dos escándalos alimentarios provocados polos intereses do negocio agroquímico e farmacéutico”, recriminou, “Semella que nada teñen aprendido as institucións europeas doutros escándalos anteriores. Ata cando van pechar os ollos ás consecuencias deste modelo de industrialización intensiva cada vez máis grande da agricultura?”

Lídia Senra instou á Comisión e ao Parlamento Europeo a asumir que a solución a este tipo de crises pasa por mudar o actual modelo de produción de alimentos: “Cando se van a dar conta de que o máis seguro, saudábel e rendíbel social e economicamente é a agroecoloxía e o mercado de proximidade? Non se resolven as crises vindo á Comisión de Agricultura, nin saíndo nos medios de comunicación con medidas para tranquilizar á poboación e minimizar as perdas do agronegocio. Cómpren solucións que aborden o problema de fondo, urxe a posta en marcha de medidas para mudar o actual modelo,  e penso que dende a sociedade cada vez estase a demandar máis este cambio”.