Continúa a Tempada de Música Clásica de Afundación coa Orquesta Sinfónica de Galicia

Ofrecerán un concerto con obras de Tchaikovsky e Beethoven o vindeiro 9 de outubro no Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 01/10/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Continúa a Tempada de Música Clásica de Afundación coa Orquesta Sinfónica de Galicia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo a programación da súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo. A vindeira cita será o mércores 9 de outubro, a partir das 20.00 h no Teatro Afundación de Vigo, cun concerto a cargo da Orquesta Sinfónica de Galicia. Interpretarán o Concerto para violín en re maior, Op. 35, de P. I. Tchaikovsky, e a Sinfonía nº 4 en si bemol maior, op. 60, de L. V. Beethoven con David Grimal como director e violín.

As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que conleva unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.

Este concerto é parte do programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», unha proposta que ten como obxectivo abrir as portas do Teatro Afundación de Vigo aos centros educativos de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato para que os seus estudantes poidan gozar de concertos de música clásica de balde. Os centros interesados en participar poden informarse a través do 986 120 078 ou no correo [email protected]

A ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA

Creada en 1992 polo Concello da Coruña, e con sede no seu Palacio de la Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A formación foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación, no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas de concertos españolas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.