Continúa nos próximos días a situación de vaga de calor en diversas zonas de Galicia

A partir do mércores, irá entrando aire máis fresco dende o Atlántico. Baixarán as temperaturas en todo o litoral. Ese aire máis fresco chegará a toda Galicia o xoves, provocando un descenso xeralizado das temperaturas
Publicado por o día 19/06/2017 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Continúa nos próximos días a situación de vaga de calor en diversas zonas de Galicia

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa que continuará nos vindeiros días a situación de vaga de calor para diversas zonas da nosa Comunidade.

Segundo informa MeteoGalicia, hoxe luns, o martes e o mércores persistirá a masa de aire cálido sobre Galicia. O matiz respecto da fin de semana é que entrou aire frío nas capas altas da atmosfera, provocando inestabilidade. Deste xeito, agárdanse chuvascos tormentosos especialmente no interior, que suavizarán as temperaturas. A sensación será de calor intensa, pero o termómetro non se disparará como en anteriores xornadas.

Aínda así, persisten os avisos de nivel amarelo por temperaturas máximas en boa parte da provincia de Ourense, agás a zona de montaña, e sur da provincia de Lugo. A partir do mércores irá entrando aire máis fresco dende o Atlántico. Baixarán as temperaturas en todo o litoral. Ese aire máis fresco chegará a toda Galicia o xoves, provocando un descenso xeralizado das temperaturas.

Con esta predicción, aínda que a situación pode que mellore moi lixeiramente, é importante recomendar que a poboación continúe a ter moi presentes as recomendacións emitidas pola Xunta de Galicia.

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social; e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.