Continúan as charlas informativas en Salcedo para implantar a compostaxe individual

A primeira das charlas xa se realizou, e do luns ao mércores daranse as tres restantes.
Publicado por o día 15/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Continúan as charlas informativas en Salcedo para implantar a compostaxe individual

O Concello de Pontevedra continúa mañá coas charlas na Casa Verde de Salcedo para informar do despregue da compostaxe individual na parroquia, a segunda na que se entregarán de balde os composteiros. O concelleiro Alberto Oubiña, responsable do rural, estará presente nestes encontros nos que se resolverán dúbidas aos asistentes.

A Concellaría programou catro charlas (unha xa se celebrou o día 12), todas ás 20.00 horas, en función dos lugares da parroquia. Os días e os lugares convocados son:


  • Luns, 16 de setembro: Carballa e Cancela
  • Martes, 17 de setembro: Carramal
  • Mércores, 18 de setembro: Campo da Porta, a Muimenta, o Casal, a Costa e o Cruceiro.

No caso de que haxa persoas que non poidan acudir á charla do seu lugar no día sinalado poderán ir a outra, aínda que, desde o Concello, se recomenda respectar a convocatoria por lugares na medida do posible.

No encontro estará persoal técnico da Fruga, empresa encargada do asesoramento e seguimento da compostaxe rural, e dos mestres composteiros do Concello. Na charla trataranse cuestións como o modelo de xestión do lixo, composición da bolsa, beneficios da compostaxe, obrigas legais, como compostar na casa, que se pode botar e que non, ou labores de mantemento.

Dada a dimensión da parroquia de Salcedo, o Concello acordou dividila en dúas partes. Unha vez que remate o proceso informativo desta primeira fase, continuarase coa segunda. E despois pasarase a Campañó, seguinte parroquia na que se despregará a compostaxe individual.

Tomeza

Os primeiros composteiros individuais municipais chegarán esta semana ás vivendas do rural. Será  á parroquia de Tomeza onde o Concello xa ten arredor de 100 solicitudes para  entregar as primeiras unidades. Na parroquia de Tomeza está previsto entregar arredor de 350 composteiros individuais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.