Continúan as representacións do Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2019 de Afundación e Special Olympics Galicia

Mañá mércores 12 de xuño ACEESCA representará A tía Lambida, Unha volta tola de todo e Eu quixera ser… no Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

Continúan as representacións do Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2019 de Afundación e Special Olympics Galicia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, en colaboración con Special Olympics Galicia, o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2019. Ata o vindeiro mes de outubro, diferentes colectivos subiranse ao escenario dos espazos de Afundación para amosar as variadas capacidades escénicas das persoas que os integran.

Mañá mércores 12 de xuño os membros de ACEESCA interpretarán A tía Lambida, Unha volta tola de todo e Eu quixera ser… no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) a partir das 18.00 h. A entrada é gratuíta, previa reserva na web Ataquilla.com.

No mes de setembro, o día 25, serán os membros de PRODEME quen saian á escena na Sede Afundación da Coruña para representar Un funeral para morrer coa risa. Finalmente, o 10 de outubro o Centro Méndez Núñez pechará este festival na Sede Afundación de Pontevedra con Años con corazón.

Este festival enmárcase na liña de traballo da Obra Social de ABANCA que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos. Desde Afundación apoiamos iniciativas como esta pola súa intensa carga social, artística, emocional e en defensa da igualdade das persoas. Ademais, promovemos e adaptamos os nosos

programas didácticos ás capacidades de cada persoa facendo así accesibles os contidos e programamos actividades que teñen ás persoas con capacidades diferentes como protagonistas, poñendo o foco nas súas habilidades e favorecendo unha visión positiva da sociedade.