Contos de aves, venres ás 18:30h en LIBROS PARA SOÑAR

Publicado por o día 22/10/2015 na sección de Cultura

Contos de aves, venres ás 18:30h en LIBROS PARA SOÑAR

As aves protagonizan a sesión de Contacontos de mañá en Libros para Soñar

“Onde está o poliño de Rosalía?”, de Pat Hutchins, e as adaptacións dos contos tradicionais “O poliño da abeleira”, de Antonio Rubio e Gabriel Pacheco, e “A galiña roxa”, de Pilar Martínez e Marco Somà, van centrar o repertorio da sesión de contacontos que se celebrará mañá venres, a partir das 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR.

Tralo clásico “O paseo de Rosalía”, publicado en 1968 e recuperado recentemente por KALANDRAKA, a autora británica deulle continuidade ás aventuras da simpática galiña que, desta volta, percorre toda a granxa na procura do seu pitiño, que resulta ser tan despistado e destemido coma ela.

Outras dúas galiñas protagonizarán o resto da sesión. “A galiña roxa” afánase en sementar o trigo, coidar da plantación, recoller o gran, moer e facer o pan mentres outros veciños a contemplan sen axudarlle; un relato que fala da recompensa polo traballo ben feito e que censura a actitude dos nugalláns que pretenden conseguir un resultado sen ningún esforzo previo.

O que tamén está en apuros é “O poliño da abeleira”, que a piques estivo de afogar se non fose porque a mamá galiña foi no seu auxilio tras pedirlle axuda a outros personaxes; un conto acumulativo para primeiros lectores.

As actividades de animación lectora en LIBROS PARA SOÑAR continuarán a próxima semana cun contacontos para bebés o mércores ás 17:30h e o venres, na sesión de contos habitual para nenos e nenas a partir de 4 anos.

Ademais, xa está aberto o prazo de inscrición para a nova edición do curso de contacontos para adultos que impartirá a actriz e narradora Beatriz Campos os días 16, 17, 18 e 19 de novembro en horario de 10:30 a 13:30 horas.

PRENSA KALANDRAKA