Contra vento e marea, 290 estudantes da UVigo viven este curso unha experiencia Erasmus

209 xa están nas súas universidades de acollida; outros 81 iranse no segundo cuadrimestre
Publicado por o día 02/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Contra vento e marea, 290 estudantes da UVigo viven este curso unha experiencia Erasmus

Non semellaba o mellor ano para embarcarse na aventura de facer unha estadía no estranxeiro, pero finalmente non foron poucos os estudantes da Universidade de Vigo que solicitaron unha bolsa de intercambio nos programas que se manteñen en funcionamento. Actualmente son 209 mozos e mozas dos tres campus os que xa están na súa universidade de acollida, e outros 81 marcharán no segundo cuadrimestre. En total, 290 fronte aos 679 do curso pasado, o que supón unha redución do 58%.

Do total, 126 optaron polo curso completo, 83 polo primeiro cuadrimestre e 81 polo segundo.  A maioría son mozas, 179, mentres que os mozos son 111. Os países de destino non cambian a pesar da situación de crise sanitaria, e seguen a ser Italia (64), Polonia (52) e Portugal (47). Por campus, Vigo conta con 160 estudantes con bolsas de mobilidade, dos cales, 70 estarán fóra todo o curso, 41 no primeiro cuadrimestre e o resto no segundo. Pontevedra conta con 68 Erasmus, dos cales 23 optaron por marchar o curso completo, 26 no primeiro cuadrimestre e 29 o segundo. Finalmente, de Ourense marchan 62, dos que 33 botarán no país de acollida todo o curso, 26 o primeiro e 23 o segundo cuadrimestre. Atendendo aos centros, é a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a que envía máis estudantes ao estranxeiro, 59, seguida de Filoloxía e Tradución, 31, Ciencias Sociais e da Comunicación, 29, e Ciencias da Educación e Traballo Social, 27.

Daniel Rodríguez, en Romanía

Daniel Rodríguez cursa terceiro do grao en Economía, xunto varias optativas de cuarto. Elixiu Romanía para unha estadía de curso completo, un destino que recoñece que sempre foi unha das súas primeiras opcións. En Bucarest está vivindo o que recoñece que é un curso estraño. Decidiuse animado polas experiencias de amigos que fixeran un Erasmus e porque “non quería agardar un ano máis”, unha vez que a súa mobilidade xa “estaba pedida e aceptada”. Polo momento a experiencia “está sendo insuperable, loxicamente hai limitacións, pero contando que hai que adaptarse á nova normalidade non hai queixa. As clases foron en todo momento en liña e de momento van a seguir así ata o seguinte cuadrimestre”. Con todo, recoñece estar “moi contento porque están sendo clases bastante dinámicas, o que se agradece bastante”.

Respecto da situación da pandemia en Romanía, Rodríguez explica que a comezos do curso era mellor, sen apenas restricións, pero dous meses despois, coma no resto de Europa, a situación foise complicando, cun incremento de contaxios, máis de 7000 diarios, o que levou ao Goberno a tomar medidas moito máis estritas, “como toque de queda de 23.00 h a 05.00 h, uso de máscaras e prohibición de festas privadas. Esperemos que sexan efectivas e poidan controlar a que aínda é a súa primeira gran subida de casos da covid-19”.

Con todo, xa puido coñecer un pouco o seu país de acollida, co que se amosa “encantado, como todos os que estudamos aquí”. Considera que se trata dun lugar moi “infravalorado” e moi rural que “conta con pequenos pobos e cidades medievais que son moi bonitas” como Brasov, Sibiu e Sinaia. Tamén fixo un ‘road-trip’ por Transilvania, “pasando pola que din que é a estrada máis fermosa do mundo: Transfăgărășan” e recoñece que atopa similitudes con Galicia, como “zonas verdes e montañas por todos lados”, é un “país cheo de contrastes”, igual que a capital. Bucarest, explica, “é unha cidade á que merece a pena vir porque a cada paso sorpréndete” e destaca dela a gran cantidade de parques, “sempre cun gran lago no medio, cousa que está moi ben para desconectar ou facer exercicio”.

Diego Estévez tamén apostou por Romanía

Tamén elixiu a capital romanesa Diego Estévez, estudante de 4º de Administración e Dirección de Empresas. Completará todo o curso na Academia de Studii Economice, un destino que escolleu “porque me parecía interesante e enriquecedor, xa que é un país moi diferente ao meu, nunha zona de Europa que non é a típica”. A pesar da crise da covid-19 decidiu seguir adiante co seu Erasmus porque é “unha oportunidade única e sería de tolos deixala pasar”, xa que é o último ano de carreira. Ademais, considera que “polo menos no corto prazo tócanos aprender a vivir con este tan odiado virus e non deixar que nos afaste de oportunidades como esta”.

Igual que Daniel Rodríguez ten todas as clases en modalidade virtual pero considera que a experiencia está sendo “moi positiva de lonxe, aínda que non é “o típico Erasmus” polas restricións en actividades culturais e sobre todo para viaxar”. Tamén se amosa moi sorprendido polo país de acollida e explica que do que puido coñecer ata agora, “que é bastante, xa que aquí os trens son gratuítos para estudantes, ten unha enorme riqueza en canto a natureza, e as cidades e pobos gozan dun encanto moi característico”. Recalca que aínda que Romanía “non goza de moi boa fama de cara ao exterior, é un país cheo de contrastes e que se atopa nunha situación de crecemento tanto social como económico, debido ao atraso que lle supuxo o turbulento século XX que aquí viviron, pero non se asemella á visión estereotipada que temos no resto de Europa”. Como Rodríguez, explica que a capital é moi diferente ao resto do país, “unha grande urbe cunha beleza arquitectónica que lembra a París, pola grande influencia que tivo sobre a cidade”.

En definitiva, “Romanía é un país cargado de contrastes, miles de influencias de diferentes países en diferentes épocas (por ser un país estratéxico por poder facer de ponte con Rusia e outras partes de Asia) beleza e xente transparente e sincera, materia na que nos queda moito por aprender”.

Elena Martínez, unha experiencia dende México

Mentres o programa Erasmus continuou con certa normalidade este curso, outros programas, como o ISEP de intercambio con EEUU suspendéronse. A través de convenio bilaterais púidose manter a relación con outros países de Latinoamérica, como México, onde actualmente hai dous estudantes da UVigo e outros tres están a cursar o cuadrimestre en liña dende Galicia pero tamén nunha universidade mexicana. Unha das que puido marchar é Elena Martínez, que estuda 4º de Ciencias do Mar e sempre estivo interesada en realizar algún tipo de mobilidade e a pandemia non a freou. Leva dende principios de curso en México, na Universidad Autónoma de Baja California, en Ensenada, e explica que solicitou a praza o pasado mes de decembro, antes de que o mundo se puxese patas arriba pola covid-19. Posto que non se cancelou o programa de intercambio e dado que a situación no seu destino era “relativamente favorable” apostou por seguir adiante. “Este curso é o meu último ano e a miña última oportunidade de realizar unha mobilidade”, explica, “e non quería desaproveitala”.

Elena explica que a situación, no que se refire á pandemia, é bastante tranquila na cidade de Ensenada, con 47 casos nunha poboación de 467.000 habitantes e 478 casos en todo o estado de Baja California (datos da pasada semana). Están no que en México se considera semáforo amarelo, “por dicilo dalgunha maneira, como nós en España sobre principios de xuño”. Con todo, o uso da máscara é obrigatorio nos establecementos e hai controis de temperatura e xel hidroalcólico, así como limitacións de capacidade e restricións no ocio nocturno. No que se refire á mobilidade, a fronteira cos EEUU está pechada, non así co resto dos países de Latinoamérica, “aínda que se recomenda evitar desprazamentos fóra do país”.

Neste contexto, explica Elena Martínez, as clases teóricas realízanse de forma virtual para evitar desprazamentos en transporte público e contactos nas aulas, aínda que si pode realizar presencialmente a parte práctica. Recoñece que o profesorado “estanos dando moias facilidades para que poidamos realizar o traballo de laboratorio de forma segura, “polo que un dos principais motivos polos que decidín vir, ampliar a formación práctica de laboratorio, estouno podendo cumprir”.

A pesar de todas as limitacións, considera que a experiencia está sendo “incrible”, aínda que con moita carga de traballos e exames. “Gústame o sistema de traballo continuo e tamén a cidade e o estilo de vida”, aínda que se laia de non ter podido de momento viaxar polo estado e coñecer un pouco Baja California. “As praias son espectaculares e a comida moi boa”, relata, e lugares como La Paz e Los Cabos son “autenticamente paradisíacos”. Sobre a xente, destaca a súa amabilidade “e o acolledores que son”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.