Controlado o incendio de Verín e activo o de Viana do Bolo, con 230 hectáreas arrasadas

Continúa activo o lume do concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie provisional de 230 hectáreas
Publicado por o día 24/07/2020 na sección de Medio Ambiente,Sucesos

Controlado o incendio de Verín e activo o de Viana do Bolo, con 230 hectáreas arrasadas

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Monterrei

Activo desde as 17,05 h. desta tarde un incendio forestal no municipio ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie provisional dunhas 20 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 8 avións.

Viana do Bolo

Permanece activo desde as 20,28 h. de onte o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 230 hectáreas.

Ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 12 axentes, 36 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Verín

Controlado desde as 14,43 h. desta tarde o incendio do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas. No seu control levan traballado ata o momento 1 técnico, 15 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Comentar noticia

Your email address will not be published.