Convocada folga indefinida nos servizos de limpeza de todos os hospitais galegos a partir do 10 de abril

CIG e CCOO denuncian que Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion non pagan a equiparación salarial
Por o 03/04/2019 | Sección: CC.OO,CIG,Protestas,Sindicatos
Convocada folga indefinida nos servizos de limpeza de todos os hospitais galegos a partir do 10 de abril

CIG e CCOO anunciaron esta mañá, no marco dunha asemblea de delegadas e delegados, a convocatoria de folga indefinida, a partir do día 10 de abril, en todos os hospitais das catro provincias galegas. Denuncian que as concesionarias Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion néganse a abonar o plus de equiparación salarial e responsabilizan ao SERGAS de permitir que se incumpran os acordos acadados en 2008, 2009 e ratificados en 2018.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que neses acordos recoñécese ao persoal dos servizos de limpeza de hospitais das catro provincias a equiparación salarial co persoal do SERGAS que, no seu caso, ten recoñecido un plus de carreira profesional.

“Cando en 2007 se aprobou este acordo conseguimos que se trasladara, en 2008, ás traballadoras e traballadores e que se recollera en convenio colectivo”, lembrou Fernández. Trátase dunha cantidade considerable que incrementa o salario a final de mes e que se cobrou a partir dese mesmo ano, agás en 2009, porque houbo, tamén daquela, algunhas empresas que intentaron non pagar e tiveron que facelo tras conflitos e mobilizacións diversas.

O plus de equiparación salarial ratificouse novamente en novembro de 2018, nunha xuntanza na que todas as empresas asistentes asinaron o pago de carreira equivalente á equiparación cun prazo até 31 de marzo de 2019 para facelo efectivo. Porén, a día 26 de marzo as catro empresas sinaladas comunicaron, a través de escritos ás seccións sindicais e aos comités de empresa, que “non van pagar se non se lles solicita e se ten realizado un curso de especialización”, denunciou Fernández. Por iso se acordou a convocatoria de folga indefinida.

Curso de especialización

Con todo si houbo empresas que fixeron o pago do plus ao seu persoal, como Acciona, Lacera, Ferrovial e Samil. Pola súa banda, as empresas que decidiron no pagar requiriron ao persoal que o solicitara previamente e que fixera un curso de especialización. Requisito co que tanto CIG como CCOO rexeitaron porque “entendemos que rompe o acordo formalizado no Consello Galego de Relacións Laborais” e que “non precisan de formación adicional porque teñen anos de experiencia abondo”.

A convocatoria de folga é unicamente de CCOO e CIG porque, segundo Fernández, UGT “di que eles entregaron solicitudes e fixeron cursos e que, polo tanto, non van convocar” e tanto a CIG como CCOO avaliaron que nin se necesitan cursos para cobrar a equiparación salarial, nin se precisa facer unha solicitude previa para acceder a ela. “O que teñen é que cumprir co asinado”.

Para o día 9 de abril está prevista unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e a folga iniciarase ao día seguinte, se non se resolve esta situación. Unha xuntanza na que o representante de CCOO, Ricardo Santos, xa adiantou que “Non vai a haber debate. Xa o houbo o 15 de outubro e o 8 de novembro, cando todos chegamos a un acordo, mesmo as empresas que agora o cuestionan e que son asinantes e mesmo centrais sindicais que asinaron e non entendemos por que non nos acompañan agora nesta convocatoria de folga”.

Lembrou que hai sentenzas de 2011 do TSXG e máis do Tribunal Supremo nas que, logo de que a Asociación de Empresarios de Limpeza Hospitalaria presentara conflito colectivo cuestionando o abono deste plus de equiparación salarial e perdera, se aclara como o teñen que abonar.

Santos denuncia pois que houbo “mal fe no ámbito da negociación”, porque esperaron ao último día para comunicar que non pagarían considerou que “non nos deixa máis camiño que afrontalo desta maneira, cunha convocatoria de folga con todas as consecuencias”.

O SERGAS sen reaccionar

Segundo Transi Fernández, o SERGAS é coñecedor desta convocatoria e das razóns da mesma pero aínda “non dixo máis que o tiñan que consultar non sabemos con quen”. Denunciou ademais que a día de hoxe non teñen ningunha comunicación e que “estamos á espera de que nos chamen para negociar os servizos mínimos”.

A convocatoria de folga atinxe a arredor de 4.000 traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza dos hospitais e afectará a miles e miles de usuarias e usuarios. Cuestión que as organizacións sindicais entenden que debería preocupar á administración, que agardan que reaccione, porque se ven sumar á folga convocada tamén polo persoal sanitario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.