Convocan folga indefinida en Denso polos incumprimentos da empresa e o desacordo na negociación do convenio

Contratación, ritmos de traballo e suba salarial, principais diferenzas entre a compañía viguesa e o persoal
Publicado por o día 23/06/2017 na sección de CC.OO,CIG,CUT,Empresas,Galicia,Protestas,Sindicatos,UGT,Vigo

Convocan folga indefinida en Denso polos incumprimentos da empresa e o desacordo na negociación do convenio

O comité de empresa de Denso, compañía do sector da automoción con sede en Vigo, vén de convocar folga indefinida a partir deste luns 26 para denunciar os incumprimentos da empresa no que respecta ao convenio colectivo en vigor e a parálise da negociación do novo convenio. A contratación, os ritmos de traballo e a subida salarial son os principais puntos de desacordo entre a dirección e o cadro de persoal da compañía situada no polígono industrial de Valadares.

Dende a federación de Industria da CIG de Vigo explican que o paro convocado polo comité de empresa (8 delegados/as da CIG, 1 da CUT, 1 de CCOO e 1 da UGT) dará comezo este luns ás 6.00 horas, momento no que os traballadores/as se concentrarán ás portas da fábrica situada no polígono industrial de Valadares.

Detrás desta convocatoria de folga atópanse os “reiterados incumprimentos” da compañía no referente ao actual convenio e a falta de avances na negociación do novo a pesar de que até o de agora se teñen celebrado 14 xuntanzas entre as partes.

Incumprimentos e diferenzas

Entre os principais incumprimentos da empresa e as diferenzas en canto á renovación do convenio salientan a contratación, os ritmos de traballo e a subida salarial. No referente ao primeiro aspecto, o convenio en vigor fixa que o 85% dos contratos ten que facelos a propia compañía, mentres que o 15% restante pódense facer a través de empresas externas (por exemplo ETT). “Pero nestes momentos o parcentaxe do persoal de produción contratado mediante firmas exteriores”, detallan.

En canto aos ritmos de traballo, denuncian que como consecuencia do aumento dos pedidos tivo lugar unha subida das cadencias nas liñas “sen que isto supuxese a contratación de máis operarios/as”. A cuestión salarial é outro dos escollos que impide un achegamento, xa que até o de agora tampouco hai avances no incremento dos soldos que debe de recoller o novo convenio.