Convocan unha manifestación na defensa da Sanidade Pública

Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Prosagal,Sanidad,Sindicatos

Convocan unha manifestación na defensa da Sanidade Pública
Ante o destrozo e o ataque que está a sufrir a nosa sanidade pública, tanto polos gobernos central e autonómico, como pola patronal integrada en ASPE e as multinacionais que compoñen a Fundación IDIS, as persoas que formamos parte da Acampada Contra a Pobreza de Vigo, Alternativa dos Veciños, Asociación de Pacientes do C.H.U.S., ATTAC Coruña, o sindicato CGT de Galicia, o sindicato COBAS, a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública A Coruña, Corrente Vermella, a Fronte Cívica de A Coruña, GalizAmbulancia, Asociación Cultural Lar de Unta de Betanzos, as Marchas da Dignidade de Galicia, o sindicato PROSAGAL, PROSERSO, o sindicato Sagap, S.O.S. Meixoeiro e VAMOS! GALICIA concluímos que é necesaria unha resposta inmediata e contundente de toda a cidadanía galega para tratar de frear esta destrución controlada e programada do noso sistema sanitario.

Por isto facemos un chamamento a tódalas organizacións sociais, políticas, sindicais e a toda a cidadanía a que se unan a esta mobilización.

A intención da Xunta de Galicia de reformar a Lei de Saúde desbaratando 4 áreas sanitarias, e convertendo a milleiros de cidadáns en “pacientes de segunda” dando entrada de xeito oficial ao sector privado no eido da investigación e da formación na saúde, reducindo a participación nos consellos de saúde de colectivos sociais, a aprobación do decreto de tempos máximos de espera que consolida e garante o traspaso de fondos da sanidade pública á privada, as medidas extremas en recorte de persoal e un aumento insostible da precariedade laboral, o peche sostido de camas e unidades enteiras, o abandono do plan de mellora da atención primaria, a privatización de servizos da sanidade que seguen a pasar a mans privadas… son elementos moi graves que merecen unha rotunda e clara resposta por parte da sociedade.

Queremos que sexa unha mobilización de todas e todos, de tódolos colectivos que loitan pola defensa dunha sanidade 100% pública, de todo o conxunto da sociedade galega, para que o noso berro se escoite en toda Galicia.

Neste momento é precisa máis que nunca a unidade de todas e todos. 18 de Novembro ás 17h na estación de Tren de Santiago.