Convocatoria a sociedade ao acto reivindicativo zonificación escolar

Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Educación,Eventos,Galicia,Vigo

Convocatoria a sociedade ao acto reivindicativo zonificación escolar

CONCENTRACIÓN – MANIFESTACIÓN POLO REXEITAMENTO Á NOVA ZONIFICACIÓN ESCOLAR E AVOGANDO PORQUE SE ABRA UN PROCESO PARTICIPATIVO E DE DIÁLOGO para confeccionar o novo mapa escolar de Vigo.

A comunidade educativa de Vigo apela ao “diálogo real” por parte da Xefatura Territorial de Educación para consensuar o novo mapa escolar da cidade ante o anuncio da súa retirada. Os colectivos opositores á proposta de zonificación achegada pola Xunta, manteñen a mobilización prevista a carón do farol do Urzaiz este venres ás 19:00 horas.

Explican que este pasado mércores 21 tivo lugar unha reunión entre a comisión permanente da Xunta de Persoal Docente (as organizacións sindicais que representan ao profesorado do ensino público) e a Xefatura Territorial de Educación para falar da proposta de zonificación de Vigo. 

Nela, o departamento autonómico anunciou que a nova zonificación escolar da cidade non se implantará para o próximo curso escolar (2018-2019, como así o demandaba a CIG-Ensino e toda a comunidade educativa viguesa.

Este anuncio pode propiciar a apertura dun diálogo real se a Xefatura Territorial amosa a correspondente vontade”, xa que dende a CIG-Ensino entenden que a xuntanza foi meramente informativa, “presentando as conclusións do documento de traballo da comisión técnica pero sen aportar os datos coa que esta traballa”. Neste senso, critican que as organizacións sindicais presentes non recibiran o documento completo en ningún momento.

Consultar co Consello Escolar Municipal

Insisten en que a zonificación afecta en primeira instancia ás familias, polo que debe ser consultada co Consello Escolar Municipal, no que todos os sectores están representados. “Contra o que di a Xefatura Territorial, a Xunta de Persoal Docente si considera que é competente neste tema, pois ao ordenar os procesos de admisión e matrícula do alumnado afecta claramente aos centros e postos de traballo do profesorado”.

Así, ademais de na forma en que se desenvolveu até o de agora o proceso, a CIG-Ensino ve problemas no deseño das zonas; na falta de solucións que fomenten o ensino público; na ausencia de previsión de necesidades (Navia); na aplicación desigual dos criterios enunciados; e na ausencia destes e de demais informacións para a análise de adscricións, alumnado repetidor, transportado, etc.

Será mañá VENRES 23 DE FEBREIRO ÁS 19:00 h na FAROLA DE URZÁIZ.

Este acto está convocado pola comunidade educativa da cidade e polos colectivos asinantes do manifesto entregado á Xefatura Territorial de Educación. Darase lectura a un manifesto común que se lle facilitará a todas as persoas asistentes e aos diferentes medios de comunicación convocados.