A coordinadora convocará esta semana as primarias de En Marea

Na súa primeira xuntanza, o órgano provisional puxo tamén en marcha os equipos de traballo para a campaña e a redacción do programa electoral
Publicado por o día 02/08/2016 na sección de Galicia,Política,Vigo

A coordinadora convocará esta semana as primarias de En Marea

Esta mesma semana convocaranse as primarias para a construción dunha candidatura de En Marea cara as eleccións autonómicas. Decidiuno hoxe a coordinadora provisional deste espazo político, na súa primeira reunión celebrada en Santiago de Compostela. Desenvolveranse segundo o regulamento aprobado o sábado na Marea Constituínte, en Vigo, cun sistema de listas abertas e paritarias. O requirimento principal para participar é asinar o manifesto dos tres alcaldes.

Nesta primeira xuntanza, tamén se puxo en marcha o equipos de traballo responsable da redacción do programa participativo, coas medidas que se empregarán para a transformación social en Galicia. E foron designadas ás persoas que se encargaran de impulsar a campaña electoral.

Participaron na reunión as integrantes da coordinadora provisional, elixidas o sábado en Vigo: Xosé Manuel Beiras, Rubén Pérez, Carmen González Novoa, Iago Martínez, Ledicia Piñeiro, Manolo Antelo, Eva Solla, Rafa Dopico, Mariajo Bóveda e Manolo Barreiro, xunto cos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; e A Coruña, Xulio Ferreiro, que estiveron presentes como impulsores deste novo espazo político.

Preparadas para as eleccións o 25 de setembro

En declaracións aos medios de comunicación, antes do inicio da sesión de traballo, os rexedores referíronse á convocatoria de eleccións para o 25 de setembro, realizada hoxe polo presidente da Xunta.

Así, Martiño Noriega sinalou que “é ben curioso que Feijóo prefira o chacolí e derive a soberanía da súa decisión na estratexia do PNV, pero nós seguimos a traballar. Toca agora preparar unha candidatura que poida disputarlle ao PP a hexemonía e o goberno da Xunta”. Pola súa banda Xulio Ferreiro coincidiu en sinalar que “é unha mágoa que a política galega se teña que subordinar a cuestións externas e non poida contar cun calendario propio, pero el saberá. Nós, desde o sábado, estamos preparadas”.