Cores Tourís anuncia a aprobación do proxecto do plan de seguridade viaria no entorno da PO-552 en varios tramos de Tui e Tomiño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou o entorno da reitoral de Areas onde se vai construír unha nova glorieta
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Galicia,Tui

Cores Tourís anuncia a aprobación do proxecto do plan de seguridade viaria no entorno da PO-552 en varios tramos de Tui e Tomiño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a PO-552 onde se van a executar obras de seguridade viaria en varios tramos tanto de Tui como de Tomiño, cun investimento global de case 550.000 euros ao que haberá que sumar as expropiacións.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como do deputado autonómico, Moisés Rodríguez, do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, así como de varios veciños da zona onde se vai a executar esta nova glorieta.

Segundo anunciou Cores Tourís, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da aprobación do proxecto do Plan de Seguridade Viaria de Galicia no entorno da estrada PO-552, dende o punto quilométrico 58+300 ao 61+400, e dende o 68+500 ao 69+900.

“Este proxecto forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para actuar en tódolos treitos de concentración de accidentes rexistrados na Rede Autonómica de Estradas”, explicou o delegado territorial quen engadiu que durante a información pública desta obra presentáronse varias alegacións de particulares e do propio concello de Tomiño no senso de reducir o impacto da actuación, resolvendo a Consellería de Infraestruturas proxectar unha obra con menos afeccións pero igualmente resolutiva no que a seguridade viaria se refire.

Deste xeito, executarase unha glorieta na intersección da PO-552 coa estrada PO-344 no concello de Tomiño, e mellorarase a intersección do punto quilométrico 69+150 nese mesmo tramo, en Forcadela.

No caso de Tui, o delegado destacou que se executará unha glorieta no lugar que hoxe visitou, no entorno da reitoral de Areas, no punto quilométrico 71, na intersección coa estrada PO-350. Esta rotonda terá un diámetro de 34 metros. Tamén se executarán beirarrúas en varios puntos onde non existen nestes intres, garantindo así a seguridade viaria dos peóns.

O conxunto das actuacións recollidas neste proxecto ascende a 700.000 euros, ao que hai que engadir 66.350 para expropiacións. O proxecto será agora elevado ao Consello da Xunta para que se aprobe o Decreto de utilidade Pública de cara a expropiación dos terreos, e as obras licitaranse a finais de 2019 para ser executadas a comezos de 2020.