Cores Tourís asiste ao remate dos traballos de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro

O delegado territorial da Xunta foi invitado por Unión Fenosa Distribución en Galicia, encargada dunhas obras que supuxeron o desmontaxe de 10 torres de alta tensión e a eliminación de 1.525 metros de liña aérea que cruzaban esta zona urbana
Publicado por o día 05/04/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Cores Tourís asiste ao remate dos traballos de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao remate dos traballos de soterramento da liña de alta tensión no barrio pontevedrés de Monte Porreiro, invitado por Unión Fenosa Distribución.

No acto, Cores Tourís acompañou ao delegado de UFG en Galicia, Julio Gonzalo, quen anunciou o remate destas obras coas que se pon fin a unha demanda histórica dos veciños deste entorno da cidade do Lérez. Na visita estiveron tamén presentes o delegado da compañía eléctrica na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así como representantes do concello.

As obras, que se iniciaron fai un ano, permitiron desmontar dez torres de alta tensión e 1.525 metros de liña aérea que cruzaban a zona urbana de Monte Porreiro. UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu 1,5 millóns de euros para soterrar esta LAT de dobre circuíto 66 kV Tibo Mourente, que vai desde a subestación de Mourente ao río Lérez. Os traballos permitiron a realización da canalización subterránea de aproximadamente 2.000 metros, dos cales 634 foron executados polo Concello de Pontevedra en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, UFD e o goberno local

Este proxecto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades. José Manuel Cores Tourís agradeceu a implicación de UFD con este proxecto e, en concreto, co barrio de Monte Porreiro e destacou que “co remate desta obra civil dáse cumprimento ao compromiso adquirido cos veciños coa humanización desta contorna desde a administración pública. Quédanos, sen embargo, certa tristura de que non se puidera conseguir antes, xa que houbo varias oportunidades polas que apostamos dende a Xunta de Galicia e que, finalmente non saíron adiante”.