Cores Tourís comproba as obras de mellora do sendeiro de Xende a Liñares executadas pola Consellería de Cultura e Turismo na Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a obra contou cun orzamento de algo máis de 40.600 euros
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

Cores Tourís comproba as obras de mellora do sendeiro de Xende a Liñares executadas pola Consellería de Cultura e Turismo na Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras de mellora do sendeiro entre Xende e Liñares que o concello de A Lama realizou grazas ás axudas para a mellora das infraestruturas turísticas da Consellería de Cultura e Turismo e que supuxeron un investimento de algo máis de 40.600 euros.

O delegado territorial estivo acompañado na visita polo alcalde da localidade, Jorge Canda.

Estas axudas, segundo explicou Cores Tourís, teñen como obxectivo fomentar a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. Grazas a elas os concellos poden levar a cabo traballos de recuperación paisaxística, iluminación ornamental dos recursos turísticos, recuperación de miradoiros, embelecementos de vías, soterramento de colectores de residuos ou eliminación de cableado aéreo. Tamén se pode poñer en valor turístico recursos distintos do aloxamento de persoas, recuperar elementos de interese etnográfico ou de arquitectura rural, así como eliminar barreiras arquitectónicas.

En total, a Xunta de Galicia mobilizou 2,5 millóns de euros para este fin o pasado ano, dos cales, a provincia de Pontevedra beneficiouse de 727.143 euros para un total de 27 concellos que investiron un total de 1,1 millón de euros en este tipo de obras.

Na comarca de Pontevedra foron tres os concellos beneficiados: A Lama, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, aos que se suma o concello de Marín, cunha axuda total de 93.815 euros.

En canto aos traballos executados na Lama, o delegado puido comprobar como se desenvolveu un proxecto que supuxo a habilitación, sinalización e homologación dunha ruta de sendeirismo entre os lugares de Liñares e Xende, onde existen unha serie de sendeiros naturais que agora foron enlazados tendo en conta a cantidade de patrimonio etnográfico, relixioso e cultural existente no entorno do río Xesta, onde destaca a fervenza de Liñares.

Grazas a esta labor, o concello presentará esta ruta para a súa homologación ante a Federación Galega de Montañismo, de xeito que goce dun prestixio maior entre os afeccionados ao sendeirismo e aos turistas interesados no eido natural.

Os sendeiros que conforman esta ruta presentaban zonas perigosas para o seu tránsito, afectadas polas choivas do inverno, polo que se pavimentaron algúns tramos con zahorra artificial, dando así drenaxe para evitar os danos da auga, e instalando pasarelas de madeira con varandas que protexerán aos sendeiristas e facilitarán o acceso e o tránsito.

“O concello da Lama, con esta obra, pretende converter esta zona nun verdadeiro revulsivo para o turismo da zona, dándolle maior difusión grazas á instalación e sinalización e a incorporación do sendeiro na páxina web do concello”, rematou o delegado territorial. En total, o investimento destinado a esta obra foi de 62.495 euros, dos cales, 40.622 foron achegados pola Consellería de Cultura e Turismo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.