Cores Tourís comproba o remate da obras de mellora da PO-254 na parroquia de Bugarín en Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a obra contou cun orzamento de algo máis de 48.300 euros
Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

Cores Tourís comproba o remate da obras de mellora da PO-254 na parroquia de Bugarín en Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou nas últimas horas o remate dos traballos de mellora da PO-254 en Ponteareas no enlace coa estrada de Mondariz e a estrada nacional, na parroquia de Bugarín que supuxo a execución de accesos de deceleración a estas vías.

O delegado estivo acompañado nesta visita por representantes dos veciños desta parroquia, así como pola portavoz do PP de Ponteareas, Belén Villar.

As obras, que tiveron un orzamento de case 48.300 euros, supuxeron a ampliación das cuñas de deceleración ata dotalas de 30 metros de lonxitude, coa correspondente sinalización horizontal, e o retranqueo dos muros existentes e a reposición das beirarrúas.

Tamén se ampliou a calzada e se completou a actuación coa aplicación de zahorra e mestura bituminosa, así como coa reposición da sinalización horizontal en todo o tramo, adaptada á nova ordenación do tráfico. A maiores, tamén se instalaron sinais verticais.

Tal e como explicou Cores Tourís, os terreos sobre os que se executaron os traballos eran de dominio público da estrada e non precisaron ningunha expropiación de fincas particulares.

O delegado territorial insistiu na importancia da execución desta obra que da resposta ás demandas dunha maior seguridade vicaria no acceso a esta estrada autonómica por parte dos veciños desta parroquia de Ponteareas. “A Xunta de Galicia continúa a traballar para que as nosas estradas gañen en seguridade viaria e por tanto, para que tanto peóns coma condutores poidan contar con vías máis seguras e modernas”.