Cores Tourís destaca o inicio dos traballos de mellora do firme da PO-403 entre Ponteareas e Salvaterra do Miño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra explicou que esta obra se engloba dentro dun conxunto de melloras de firme en diversas estradas da comarca do Condado e A Paradanta e que conta cun orzamento de adxudicación de 1,5 millóns de euros
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Galicia,Ponteareas,Xunta de Galicia

Cores Tourís destaca o inicio dos traballos de mellora do firme da PO-403 entre Ponteareas e Salvaterra do Miño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá o inicio dos traballos de mellora do firme da PO-403 entre Ponteareas e Salvaterra do Miño nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir algo máis de 143.778 euros.

O delegado territorial destacou que esta estrada, que enlaza ambos municipios do Condado, verase mellorada en diversos puntos quilométricos onde o firme se atopaba deteriorado polo paso do tempo, estendéndose unha nova capa de rodaxe e executándose reparacións puntuais.

Esta obra, que comezou esta mesma semana dende Ponteareas e que irá avanzando polo centro da localidade nos próximos días, forma parte dun paquete de melloras de firme en diversas estradas desta comarca do sur da provincia. Estes traballos “permitirán mellorar estas estradas e dar unha maior calidade de vida e seguridade viaria a veciños e usuarios”.

Todos estos traballos forman parte de dous paquetes de obras que se desenvolven en diversos concellos do Condado-A Paradanta, e que supoñen un investimento global de 1,5 millón de euros.

Cores Tourís destacou que a Xunta continúa no camiño da mellora de infraestruturas iniciadas fai anos e recordou que o Goberno galego está a apoiar aos concellos para reforzar a seguridade viaria, incrementar a comodidade nos desprazamentos dos seus veciños e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Subraiou a aposta do Goberno galego polo interior de Galicia, polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento económico e social do conxunto do territorio, ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños.