Cores Tourís presidiu a reunión de seguimento de convenios da prevención e defensa contra incendios cos concellos do distrito XIX

O distrito XIX (Salnés, Caldas, Pontevedra e Morrazo) contará con 12 brigadas, 59 traballadores, 7 motobombas e un investimento de 454.556 euros que permitirá desenvolver labores de roza en 248 hectáreas
Por o 05/04/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Vigo,Xunta de Galicia
Cores Tourís presidiu a reunión de seguimento de convenios da prevención e defensa contra incendios cos concellos do distrito XIX
Compartir en:

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu a mañá de onte, na cidade do Lérez, a reunión de seguimento de convenios de Prevención e Defensa contra o Lume cos 18 concellos que forman parte do distrito XIX.

No acto estiveron tamén presentes o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, así como o xefe do Servizo de Incendios en Pontevedra, Manuel Francisco.

O delegado recordou que, dende 2016, os convenios de colaboración que se asinan anualmente cos concellos teñen carácter trianual o que permite ás entidades locais realizar unha mellor planificación das actividades preventivas contra os lumes. Así, o orzamento total para o 2016, 2017 e 2018 é superior aos 32,8 millóns de euros para toda Galicia co que se poderá chegar cada ano a unhas 17.596,34 hectáreas.

En concreto, no caso do distrito XIX, o convenio permitirá levar a cabo rozas en 248 hectáreas, cun investimento total de 454.556 euros para esta zona, contando con 12 brigadas que supoñen 59 traballadores e sete motobombas. O orzamento global para a provincia será de 929.606 euros, desglosadas en 20 brigadas, 98 brigadistas e 17 motobombas, o que permitirá actuar sobre un total de 1.269 hectáreas.

“A todo o anterior hai que sumar as brigadas fixas-discontinuas coas que conta a Consellería de Medio Rural, cinco no distrito XIX, que xa están a revisar as infraestruturas de loita contra o lume de cara ao próximo verano, así como, nesta área, contamos coa colaboración do GES de Valga”, subraiou o responsable territorial.

“Nestes intres, o importante é seguir a traballar na limpeza dos montes, de cara a telos preparados para esta etapa estival, intentando así minimizar os posibles lumes que se puideran xerar”, explicou Cores Tourís, quen recordou que en 2016 investíronse dende Medio Rural case 6 millóns de euros na área da Delegación Territorial de Pontevedra co obxectivo de poñer en marcha traballos, rozas, brigadas e infraestruturas que logren preparar os montes de cara a época de maior intensidade de incendios. “Este ano, o investimento roldará unha cifra similar”, engadiu.

Deste xeito, a administración autonómica xa está a levar a cabo traballos de prevención, roza e apertura de pistas forestais dende o último trimestre do ano pasado. “No distrito XIX limpáronse xa 18 quilómetros así como se executaron tratamentos silvícolas preventivos en 25 hectáreas, investíndose nestes traballos, levados a cabo nos concellos de Pontevedra, Pontecaldelas, Cuntis, Meis, Barro e Poio, un total de 58.000 euros”, matizou Cores Tourís.

“Seguimos a preparar o monte cara a época estival, e no presente trimestre contratáronse labores similares nos concellos de Vilagarcía, Catoira, Meis e Valga dentro deste distrito. Deste xeito, actuarase sobre 73,6 hectáreas e investiranse case 110.000 euros”, engadiu o delegado territorial.

Por outra banda, tamén acaba de pechar o prazo para a liña de axudas de incendios para tratamentos silvícolas e puntos de auga á que se presentaron este ano 188 solicitudes, 81 delas no propio distrito XIX. “En 2016, a través desta subvención, investíronse 1,5 millóns de euros de cara a poder executar traballos que manteñan o noso monte limpo e a contar con infraestruturas que permitan atallar as lapas nada más iniciarse un fogo”, rematou Cores Tourís.