Cores Tourís visita o CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra co gallo do inicio do curso de infantil e primaria 2019/20

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou o regreso as aulas con normalidade dos 74.500 alumnos
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Cores Tourís visita o CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra co gallo do inicio do curso de infantil e primaria 2019/20

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra co gallo do inicio do curso de Educación Infantil e Primaria 2019/20.

Na visita,Cores Tourís estivo acompañado do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como do equipo directivo do centro pontevedrés. O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a completa normalidade do regreso ás aulas nos 361 colexios da provincia de Pontevedra no que estudan un total de 74.500 alumnos entre Infantil, Primaria e Educación Especial.

Segundo as estimacións da Consellería de Educación, no curso 2019/20 comezaron as clases en Infantil 22.061 alumnos (14.774 en centros públicos; 6.801 en privados concertados, así como 486 en privados non concertados). En canto a Primaria, o total de alumnos matriculados (que pode variar ao longo do curso pola chegada de novos alumnos doutras comunidades ou países) é de 51.932 (35.585 en centros públicos; 15.057 en privados concertados e 1.290 en privados non concertados). Por outra banda, en canto a Educación Especial, en total, o número de alumnos na provincia é de 507 (196 en centros públicos e 311 en privados non concertados).

Cores Tourís recordou que hoxe mesmo comezaron tamén a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería de Educación, aínda que “neste senso, cabe informar á comunidade educativa do CEIP da Reigosa en Ponte Caldelas da instalación do novo comedor o próximo venres. O sábado tamén se instalará o do CEIP A Carballeira de Pontevedra. Lamentamos que se tardara uns días en acabar estes traballos, pero temos que contar con todas as garantías de seguridade para que se poidan instalar estes dous novos comedores”.

En relación ao colexio que hoxe visitou o delegado territorial, o CEIP Álvarez Limeses, José Manuel Cores Tourís recordou que se trata dun dos centros “de referencia” da cidade do Lérez no que a Consellería de Educación investiu 271.300 euros nos últimos anos para levar a cabo obras tan importantes como a reforma da instalación eléctrica e os baños do primeiro andar, así como a mellora da caldeira.

Por outra banda, na cidade de Pontevedra, segundo apuntou o responsable da Delegación Territorial de Pontevedra, volveron hoxe ás aulas un total de 7.967 alumnos (2.390 en Infantil: 1.573 nos centros públicos; 764 nos concertados e 53 nos privados non concertados, e 5.577 en

Primaria: 3.722 nos centros públicos; 1.617 en concertados; e 238 en privados non concertados). Na capital da provincia, a Xunta de Galicia leva investidos xa 8,6 millóns de euros en obras en tódolos centros educativos, con melloras que van dende cambios de cuberta, ata reparación de calefaccións, separación de pluviais, ou reforma de pistas polideportivas, entre outras.

“A nivel provincial cabe destacar o millón setecentos mil euros investidos en distintos centros dende a Xefatura Territorial para obras e melloras, aos que hai que sumar as 5 grandes obras postas en marcha nestes meses: o cambio de biomasa no IES da Cañiza; a rehabilitación enerxética do CEIP de Tenorio; a reparación do muro de contención do IES Pazo da Mercé, o novo CEIP de Vilalonga e a rehabilitación enerxética do CEIP Arealonga de Vilagarcía, co que sumamos outros 6 millóns de euros”, matizou o delegado territorial.

Outros seis proxectos de rehabilitación integral supoñen este curso un investimento de 5,5 millóns de euros: CEIP Covaterreña de Baiona, IES Ramón Cabanillas de Cambados, CEIP do Hío en Cangas, IES Illa de Tambo de Marín, CPI de Pontecesures e CEIP García Barbón de Vigo. “Entre tódalas obras estamos a falar de 13,2 millóns de euros, unha cantidade o suficientemente importante como para comprobar o interese que a Xunta de Galicia ten pola mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra”.

Indicadores educativos

O delegado territorial tamén quixo facer referencia a que este ano, por primeira vez, a Consellería de Educación incluirá na súa publicación Datos e Cifras do Ensino non Universitario a evolución de diversos indicadores educativos de relevancia.

Deste xeito, compílanse os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) respecto da taxa de abandono educativo temperá, que a finais de 2017 era en Galicia case 11 puntos máis baixa que en 2009 e 3,4 puntos menor que a media española. Neste sentido cómpre lembrar que a taxa de abandono educativo temperá continúa descendendo en Galicia, dado que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) a media do ano 2018 foi de 14,3 puntos.

Así mesmo, recóllense os datos da taxa de idoneidade aos 12, 14 e 15 anos, que está en todos os casos por riba da media española. Cabe salientar que no caso do alumnado que remata a primaria a taxa ascende ao 87,2%, isto é, case 9 de cada 10 alumnas e alumnos galegos estudan o curso escolar que lle corresponde por idade.

Por outra banda, inclúese os resultados dos últimos informes PISA con mostra galega (anos 2006, 2009, 2012 e 2015). Neste sentido destaca o último dos estudos, no que o alumnado galego colleitou resultados superiores á media española e á media da OCDE en todas as competencias analizadas.