Corina Porro: “Abel Caballero queda só na defensa da súa candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade”

A delegada territorial da Xunta en Vigo chama a atención sobre o feito de que ningún dos partidos que representan ao arco parlamentario, incluído o PSdeG, votou en contra da proposta conxunta do Parque Nacional das Illas Atlánticas

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, aproveitou hoxe unha visita as Illas Cíes para insistir en que a candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é a única candidatura existente e rexistrada na Unesco. Así, defendeu a proposta do Goberno galego, que inclúe ao conxunto do arquipélago, como a única opción real de ser incluída na Lista do Patrimonio Mundial.

“E así o entendeu o Parlamento galego”, aseverou a representante autonómica, quen celebrou que ningún dos partidos que representa a Cámara votase en contra da proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular instando á Xunta a manter a súa defensa ante a Unesco da candidatura a Patrimonio da Humanidade que abarca a totalidade do Parque Nacional (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada).

“Abel Caballero queda só na defensa da súa candidatura de Cíes”. “Ninguén se opuxo a que a candidatura sexa o conxunto do parque”, asegurou taxante a delegada territorial, en clara referencia ao apoio do Grupo Mixto e a abstención Grupo Socialista, Grupo Común da Esquerda e BNG. A este respecto, razoou que sería ilóxico que un partido que se define de esquerdas, como é o PSOE, e que se supón que defende os valores medioambientais, votase a favor de romper coa unidade do Parque Nacional.

Dito isto, a xuízo de Corina Porro “cumpriría que o Concello de Vigo se sumase á única candidatura que está en disposición de obter para as Illas Cíes a declaración de Patrimonio Mundial, beneficiando non só a Vigo, senón tamén a Bueu, Ribeira e Vilagarcía e, en xeral, ao conxunto da Galicia atlántica”.

“Desde que o alcalde anunciou a súa candidatura fixo moita propaganda, pero o certo é que non deu ningún paso en firme para oficializarla”, apuntou Corina Porro. Segundo

dixo, ”o Concello de Vigo leva 6 anos promocionando unha candidatura excluínte”, que é o que lle dá rédito político aos seus representantes, pero sen presentar nada no plano administrativo e técnico”.

Tras puntualizar que todos os bens que son Patrimonio Mundial Natural en España son Parques Nacionais no seu conxunto, e fronte a postura de quen “máis está danando ás Cíes, ás Rías Baixas e á provincia de Pontevedra coa súa cerrazón”, en clara alusión a Caballero, defendeu que no caso da vía que propón a Administración autonómica son “os feitos, e non palabras, os que rebaten o inmobilismo do que fala o rexedor vigués”.

Así, sinalou que a candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia superou en outubro de 2017 unha primeira e decisiva proba cando o Consejo de Patrimonio Histórico Español (un órgano composto polas 17 comunidades autónomas e o Goberno do Estado) aprobou a súa inclusión na Lista Indicativa Nacional. Xa en febreiro de 2018, recordou, rexistrouse a candidatura na Unesco co fin de formar parte, como ben natural, deste selecto club.

“E seguimos dando pasos para que a candidatura avance”, asegurou. “A única candidatura que existe, a da Xunta, lonxe de estar morta está máis viva ca nunca”, concluíu Corina Porro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM