Corina Porro aclara que será o IFEVI o que licite e elabore o proxecto da nova ampliación para axilizar a súa tramitación

A representante autonómica recordou que este xoves convocouse unha reunión extraordinaria do patronato do Ifevi coa ampliación como único punto da orde do día
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Corina Porro aclara que será o IFEVI o que licite e elabore o proxecto da nova ampliación para axilizar a súa tramitación

A delegada territorial en Vigo, Corina Porro, recibiu hoxe no seu despacho ao xerente do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), Arsenio Prieto, e o presidente de Conxemar, José Luis Freire, para abordar a ampliación do recinto, nunha reunión previa á celebración este xoves da convocatoria extraordinaria e de urxencia do patronato cun único punto na orde do día: a ampliación do recinto feiral. Un encontro no que se repasaron os pasos a seguir por parte dos actores implicados.

Así a representante autonómica informou que será o Ifevi o encargado de licitar e elaborar o proxecto correspondente co obxectivo de axilizar ao máximo a súa tramitación. Un proceso no que contará coa colaboración e asistencia da Consellería de Infraestruturas a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que será a que tutele a execución das obras.


“O obxectivo é que a ampliación estea feita no menor tempo posible pola propia urxencia trasladada por Conxemar”, sinalou Corina Porro, en cumprimento da orde dada “desde o minuto cero” polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así, recordou que o titular do Executivo autonómico comprometeu esta actuación na inauguración da feira do conxelado o pasado 2 de outubro e “deu indicacións inmediatas” para o inicio do procedemento.

Deste xeito, unha vez aprobada a ampliación no patronato o Ifevi comenzará coa redacción do proxecto básico, que permitirá a aplicación da Lei 3/2016. Paralelamente, segundo expuxo a delegada, se solicitaran ás diferentes consellerías os preceptivos informes sectoriais co obxectivo, insistiu, de “axilizar ao máximo todos os trámites e recortar os tempos canto sexa posible”.

Pola súa banda, o Concello de Vigo será o encargado de someter o proxecto a información pública. Unha vez valorado o resultado da exposición, e sempre en cando o ditame municipal sexa favorable, a Consellería de Economía, Emprego e Industria remitirá o expediente para informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que deberá pronunciarse sobre os aspectos urbanísticos.

O proxecto terá que ser aprobado no Consello da Xunta que ordenará o inicio do procedemento de alteración da ordenación urbanística conforme á Lei do Solo de Galicia, nun acordo que será inmediatamente executivo e habilitará ao órgano promotor ao inicio das obras.

En todo caso, tal e como subliñou a delegada territorial, a aprobación do proxecto comportará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados. Neste caso, o Concello de Vigo actuará en calidade de administración expropiadora.

Cumprimentados os pasos anteriores, o Ifevi terá vía libre para contratar e executar as obras que financiará integramente a Xunta, estimándose o seu custe nuns 4 millóns de euros para unha ampliación de 5.000 metros cadrados que se sumaran á actual superficie feiral.

Accesos ao recinto

Por outra banda, Corina fixo referencia á circunvalación e aos accesos ao recinto feiral, “insuficientes -dixo- como todos comprobamos na inauguración da feira deste ano”. “Esta é unha competencia que lle corresponde ao Concello de Vigo, que debería comezar a traballar sobre o asunto reclamando a súa implicación ao Goberno central”, advertiu, para engadir que se trata de chegar a vindeira edición de Conxemar “co traballo de todos, cada un no marco das súas competencias, ben feito”.

Video

Corina Porro aclara que será o IFEVI o que licite e elabore o proxecto da nova ampliación para axilizar a súa tramitación

#Vigo #IFEVICorina Porro aclara que será o IFEVI o que licite e elabore o proxecto da nova ampliación para axilizar a súa tramitación.A representante autonómica recordou que este xoves convocouse unha reunión extraordinaria do patronato do Ifevi coa ampliación como único punto da orde do día.Subliñou que con esta convocatoria dáse cumprimento as indicacións dadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de iniciar inmediatamente o expediente.A Xunta asumirá o financiamento íntegro da obra de ampliación.

Publicada por Noticias de Vigo en Miércoles, 9 de octubre de 2019

Comentar noticia

Your email address will not be published.