Corina Porro: “Asumo a presidencia da Xestora do PP de Vigo con ilusión e co propósito de buscar o mellor para a cidade e para o partido”

A ex alcaldesa de Vigo pon a disposición o seu cargo como presidenta do Consello Económico e Social
Publicado por o día 04/06/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Corina Porro: “Asumo a presidencia da Xestora do PP de Vigo con ilusión e co propósito de buscar o mellor para a cidade e para o partido”

A ex alcaldesa de Vigo Corina Porro asumirá a presidencia da xestora do PP de Vigo “con ilusión e coa garantía de buscar o mellor para a cidade e para o partido”. A formación da xestora e o nomeamento de Porro deberán ser ratificados mañá pola Xunta Directiva Provincial. A rexedora entre 2003 e 2007 poñerá a disposición o seu cargo como presidenta do Consello Económico e Social (CES).
 
Porro mostrou o seu agradecemento ao CES e valorou o apoio e o agarimo demostrado por todos os sectores implicados no seu funcionamento. “Creo que fixemos un traballo moi positivo pola institución, co diálogo, o acordo e o consenso por bandeira. De feito, a unanimidade nas resolucións foi a norma”, sinalou, á vez que destacou os estudos realizados pola súa gran importancia.
 
“O CES é un órgano independente e eu non quero prexudicalo”, afirmou. “Quero evitar calquera tipo de malentendido que puidese afectar o seu funcionamento”.
 
Agora, Porro asumirá a presidencia da Xestora do PP de Vigo. “Acepto o reto. O meu amor por Vigo está por encima de todo. Fun alcaldesa durante catro anos e dediquei todo o meu tempo a traballar para que a cidade avanzase. Con ese mesmo espírito vou empregarme agora, co obxectivo de buscar o mellor para Vigo. Porque estou convencida de que buscar o mellor para o Partido Popular de Vigo é tamén buscar o mellor para Vigo”, afirmou. “Non admitir que a situación do partido é mala sería enganar á xente, e esa situación só se superará con traballo, ilusión e moito diálogo. Debemos estar unidos”.
 
Porro quixo aclarar que isto non supón a súa volta á política municipal. “Esa etapa está pechada. Veño aquí para dirixir un proceso de transición tranquilo, para que o Partido Popular teña tempo, sen urxencias, para mirar ao futuro”.
 
Tamén tivo palabras para o actual grupo municipal. “O meu agradecemento cara a eles pola súa xenerosidade é enorme. Puxeron o ben do partido por encima do seu propio persoal e iso en política ten moito valor”. Grazas a esa xenerosidade, a Xestora terá as mans libres para configurar o grupo municipal que fará oposición durante o próximos catro anos. “Estamos en fase de valoración e de análise e en canto teñamos definido o grupo farémolo público. Hai que acertar cos máis adecuados para esta situación e para esta nova etapa”, finalizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.