Corina Porro celebra o 70 aniversario do CEIP O Pombal

Publicado por o día 22/11/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Corina Porro celebra o 70 aniversario do CEIP O Pombal

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, desprazouse hoxe ata o CEIP O Pombal de Vigo para celebrar o 70 aniversario do centro coa comunidade educativa.

O Pombal está situado na cidade de Vigo, concretamente no barrio de Lavadores, un dos máis poboados de Vigo que, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, ten máis de 17 000 habitantes. Como o seu topónimo indica, o barrio era rico en auga e estaba ateigado de lavadoiros, fontes e muíños que aínda existen. Lavadores foi unha vila independente de carácter rural cunha forte actividade política e sindical que lle valeu o apelativo da «Rusia pequena» e foi un dos últimos bastións republicanos en renderse ás forzas franquistas na Guerra Civil. En 1941 foi anexionada ao concello de Vigo e desde aquela forma parte da maior urbe galega.

Actualmente Lavadores continúa sendo un barrio obreiro habitado por familias traballadoras e unha poboación inmigrante en continuo aumento. Conta coa área peonil do Calvario, que nunha extensión de máis de medio quilómetro ten unha grande actividade comercial na que salienta o mercado municipal e os pequenos comercios tradicionais que sobreviven ás grandes áreas comerciais coma aquela aldea gala que non se rendía aos romanos.

Alén diso, a zona é un fervedoiro cultural. Conta con dúas asociacións veciñais moi activas, importantes instalacións públicas como a marabillosa biblioteca Xosé Neira Vilas, a piscina e os pavillóns polideportivos, cun centro sociocultural e coa famosa e políglota Escola Oficial de Idiomas de Vigo. Parte integrante deste barrio activo e dinámico é o CEIP Plurilingüe O Pombal, que leva traballando a prol do ensino público desde a súa construción na metade do século pasado.

Setenta anos de historia

O Pombal foi construído por Antonio Cominges Tapias, un arquitecto vigués ben coñecido que construíu na cidade outros famosos colexios, edificios e igrexas como o Instituto Santa Irene, a sede social de Abanca, a igrexa de Fátima etc. O centro inaugurouse no ano 1949 coa denominación Colexio Nacional Mixto Pombal, malia que o sexo do alumnado era un criterio de discriminación como ditaba a educación franquista. Estaba formado por un único edificio de dous andares distribuído en diferentes alas, edificio aínda en funcionamento.

Pola súa banda, o edificio novo acolle na actualidade as aulas de primaria, ademais do comedor, o ximnasio, os despachos e a sala do profesorado. Tamén está aquí a biblioteca, a sala de informática e as aulas de especialidades e de apoio, ademais doutras de uso compartido e variado. No exterior, a pista polideportiva cuberta continúa operativa e protexe o frutífero horto escolar que medra ao seu carón. Un circuíto de educación viaria rodea o edificio antigo, ademais doutros espazos ao aire libre.
Nesta longa historia de constante evolución, que tamén foi pedagóxica, O Pombal acaba de dar neste curso 2018/19 un novo paso ao sumarse á rede de centros plurilingües da Consellería de Educación, feito que implicou unha nova mudanza de nome para incorporar o apelido «Plurilingüe».

Testemuñas desta longa historia, as árbores orixinais perduran e contemplan impasibles desde as alturas a evolución dun centro de ensino público que sobrevive ao paso do tempo porque sabe adaptarse ás necesidades da sociedade á que quere servir. É escusado dicir que nada disto sería posible sen o esforzo e o compromiso dos profesionais da docencia que alí exerceron e exercen, traballando coa implicación e o apoio das familias e do alumnado, empeñados todos eles en seguir facendo historia ensinando e aprendendo no Pombal, toda unha institución educativa en Vigo que en 2019 cumpre setenta produtivos anos de servizo ininterrompido.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.