A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, achegouse hoxe ao Parque Costoias de Tameiga para participar no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Mos Rehabilita, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.
A representante autonómica, quen estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica en materia de formación e emprego. Así, tras felicitar ao alumnado que vén de rematar a súa formación na especialidade de albanelería e xardinería, destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación laboral é clave para acceder a un posto de traballo de calidade”.
Porro animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brindou”, exemplificou nestes programas o éxito da colaboración institucional e fixo especial fincapé no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, con medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.
Respecto a esta última edición do Mos Rehabilita, a Administración autonómica destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería, un total de 318.300 euros.
No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego investiu na vixente convocatoria 2018-2019 máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas a través dos que os beneficiarios contan cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres meses cando son obradoiros duais.
En concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Mos (Mos Rehabilita), Vigo (Vigo Capacita V), Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Redondela (Redondela Vila Bela), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).
Sistema de Garantía Xuvenil
A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.