Corina Porro liderará unha Xestora que aúna mocidade e experiencia con Marta Iglesias como secretaria e Teresa Cendón como portavoz

A Xestora comezará o seu traballo mañá mesmo e iniciará unha rolda de contactos con militantes e simpatizantes do PP de Vigo
Publicado por o día 06/06/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Corina Porro liderará unha Xestora que aúna mocidade e experiencia con Marta Iglesias como secretaria e Teresa Cendón como portavoz

A ex alcaldesa de Vigo Corina Porro liderará unha Xestora do Partido Popular que axuntará mocidade e experiencia e que terá a Marta Iglesias como secretaria xeral. Porro recuperará a Teresa Cendón como portavoz. Ademais, outras dúas mulleres integrarán o novo órgano como vogais: Rocío Fernández Lixa como representante de Novas Xeracións, e Marián García Míguez, que servirá de nexo de unión co equipo directivo saínte durante a transición. Nas próximas semanas, este grupo inicial de cinco mulleres será ampliado con novos colaboradores.
 
A Xunta Directiva Provincial aprobou hoxe o nomeamento de Corina Porro e ratificou os nomes propostos pola presidenta da Xestora. Mañá mesmo comezará o traballo operativo do novo órgano, que iniciará unha rolda de contactos con militantes e simpatizantes do partido en Vigo, ademais de con diferentes colectivos da cidade.
 
“A constitución da Xestora non é un fin en si mesmo, senón o inicio dun traballo que debe devolver ao Partido Popular un papel principal na cidade de Vigo”, sinalou Corina Porro. “Temos por diante unha tarefa, que é unir ao PP desta cidade e conseguir que mire ao futuro con boas perspectivas”.
 
“Desde que aceptei o reto de dirixir as Xestora non deixei de recibir mensaxes de apoio. Creo que hai ganas na cidade de que o PP recupere o seu sitio, e iso fai que afrontemos este labor con ganas e optimismo. Como xa dixen, estou convencida de que buscar o mellor para o Partido Popular de Vigo é tamén buscar o mellor para Vigo”.