Corina Porro: “Nin Feijóo nin a Xunta discriminan a Vigo, é o alcalde o que discrimina aos cidadáns e a xustiza a que non llo permite”

“As declaracións de Caballero deixan en evidencia o seu máis absoluto desprezo a independencia xudicial, amosando a súa cara máis antidemocrática e ditatorial”
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Corina Porro: “Nin Feijóo nin a Xunta discriminan a Vigo, é o alcalde o que discrimina aos cidadáns e a xustiza a que non llo permite”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, sinalou hoxe, unha vez coñecido o fallo do xulgado do Contencioso número 1 de Vigo que recolle que a exixencia de empadroamento é contraria ao ordenamento xurídico, que a xustiza volve a pararlle os pés ao alcalde de Vigo. “Nin Feijóo nin a Xunta discriminan a Vigo, é o alcalde o que discrimina aos cidadáns e a xustiza a que non llo permite”, advertiu.

Así, a representante autonómica lamentou que o alcalde pretenda construír “murallas ancestrais e constrinxir aos veciños nunha especie de cidade sitiada”. Neste senso, criticou do rexedor que cando a xustiza lle da a razón é grazas é mérito propio, e no caso contrario culpa de Feijóo”. Na súa opinión, o munícipe volve a deixar en evidencia o seu máis absoluto desprezo a independencia xudicial, amosando a súa cara máis antidemocrática e ditatorial” .

Unha resolución xudicial que volve a deixar claro que a decisión de Caballero era a todas luces ilegal, nun novo intento de enganar e mentir aos vigueses xa que, tal e como recordou Corina Porro, ata dúas leis así o recollen, en referencia á do 2017 da Xunta e a lei estatal de Ordenación dos Transportes Terrestres de 1987. Esta última recolle, no artigo 71, que os transportes públicos regulares de viaxeiros de uso xeral teñen carácter de servizo público de titularidade da Administración, “podendo ser utilizados, sen discriminación, por calquera persoa que o desexe nas condicións establecidas nesta lei e nas normas ditadas para a súa execución e desenvolvemento”.

“Debemos recuperar o sentimento de ser unha cidade aberta e acolledora e non unha cidade sometida aos caprichos dun alcalde irresponsable”, aseverou a delegada territorial, confiada en que os pronunciamentos xudiciais consigan que o alcalde de Vigo rectifique, desista na súa actitude de bloqueo e facilite finalmente que o transporte público na área se poña á altura do que funciona no resto das cidades galegas.

A falta de visión metropolitana do transporte público é unha actitude contraria aos propios intereses de Vigo, cuxos veciños non só poderían gozar de maiores descontos nos seus desprazamentos cotiáns, senón que ademais o conxunto da cidade podería beneficiarse de atraer máis visitantes, da redución do tráfico e do ruído, así como da contaminación atmosférica.

Plan de Transporte Metropolitano

A actitude do Concello de Vigo en relación coa tarxeta Pass Vigo vai na liña da xa iniciada en 2016 co Plan Transporte Metropolitano. O alcalde, Abel Caballero, que se comprometerá ante a Xunta e 12 concellos da área a incorporar o transporte urbano da cidade a ese programa conxunto de mobilidade, rexeitou finalmente de forma oficial asumir as obrigas adquiridas no convenio asinado. Cómpre lembrar que, tras meses de inacción e sen avances no cumprimento das obrigas municipais de adaptar os sistemas de cobro dos autobuses urbanos para o funcionamento da Tarxeta de Transporte Metropolitano, o Concello de Vigo acabou por denunciar formalmente o convenio.

A Xunta lamenta que de novo sexa Vigo e os seus cidadáns os que salgan perdendo, posto que a cerrazón do alcalde supón que mentres noutras cidades galegas os usuarios teñen acceso a aforros nos seus desprazamentos, que poden chegar ata os 1.000 euros ao ano, en Vigo eses aforros son 400 euros inferiores. Asemade, non inclúen os transbordos gratuítos que no resto urbes financia a Administración autonómica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.