Corina Porro: “O alcalde de Vigo volve a quedarse só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria”

Sinala que, pese aos continuos obstáculos do rexedor vigués, a candidatura autonómica avanza de xeito sólido dando os pasos necesarios no proceso
Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Corina Porro: “O alcalde de Vigo volve a quedarse só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, volveu onte a tender a man ao alcalde vigués co obxectivo de que abandone a súa cerrazón e se sume á candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas, promovida polo Goberno galego. A única, engadiu, que está en disposición de obter para o arquipélago a declaración de Patrimonio Mundial.

“As crecentes mostras de apoio á proposta autonómica son máis que evidentes”, dixo, en clara referencia ao respaldo acadado onte cos veciños da illa de Ons e o Concello de Bueu. O acordo non só recolle unha mellora nas condicións de acceso a esta illa por parte da veciñanza, tamén o apoio unánime á candidatura da Xunta.

Tras recordar que a das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é a única candidatura existente e rexistrada na Unesco, Corina Porro lamentou que o rexedor vigués siga poñendo obstáculos para que o conxunto do Parque Nacional (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) acade a declaración de Patrimonio Mundial.

“O alcalde de Vigo volve a quedarse só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria”, afirmou taxante, logo de que o Parlamento tamén avalase a candidatura, sen ningún voto en contra, tampouco do PSOE. “Como mínimo debería reflexionar sobre se lle interesa manter vivo un conflito no que se está a quedar sen ningún apoio”, apuntou.

A delegada territorial celebrou o dereito reivindicado por Ons a ter o máximo recoñecemento da Unesco, un dereito do que Caballero pretendía privarlles, subliñou, “co uso partidista dun conflito que a Xunta foi quen de solucionar desde o diálogo”. “Cumpriría que o Concello de Vigo se sumase a nosa proposta, beneficiando non só a

Vigo, senón tamén a Bueu, Ribeira e Vilagarcía e, en xeral, ao conxunto da Galicia atlántica”, aseverou.

Xa para rematar, Corina Porro resaltou que “a candidatura autonómica avanza de xeito sólido e inequívoco dando os pasos necesarios neste proceso”.