O corpo consular súmase ás visitas institucionais ao Pergamiño Vindel

Estiveron acompañados polo reitor e os vicerreitores de Estudantes e Relacións Internacionais
Por o 13/02/2018 | Sección: Universidade de Vigo
O corpo consular súmase ás visitas institucionais ao Pergamiño Vindel

Suma e sigue. Nas últimas semanas de presenza en Vigo do Pergamiño Vindel multiplícanse as visitas institucionais á gran xoia da literatura galega medieval, a última unha delegación do corpo consular encabezada polo seu decano, José Antonio Román, cónsul de Dinamarca. Acompañados polo reitor, Salustiano Mato, e os vicerreitores Dolores González, de Estudantes, e Manuel Fernández, de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, e guiados polo director do Museo do Mar, Vicente Caramés, foron coñecendo os detalles da exposición Un tesouro en sete cantigas, que se prolongará ata o vindeiro mes de marzo tras recibir a visita de máis de 40.000 persoas.

Participaron na visita, ademais do propio cónsul de Dinamarca, a cónsul de Alemaña, Silvia Hinrichs; a da República Arxentina, Silvina Montenegro; o cónsul de Islandia, Alejandro Hernández Alfageme; o cónsul de Francia, Jean Batiste Chassin e o cónsul xeral de Venezuela, Martín Pacheco Morillo, así como diferentes membros de honra: Rosa Fernández-Montenegro, José Luis Pera, José Silveira, Santiago Costa, Manuel Costa e Antonio Varajao.

“Estamos encantados de contar coa visita e de que con ela poidades achegarvos un pouco máis a orixe da nosa cultura”, subliñoulles ao finalizar a visita o reitor vigués, verbas ás que respondeu o decano dos cónsules, José Antonio Román, que foi tamén o encargado de asinar no Libro de Honra da Universidade de Vigo. “Quedamos gratamente sorprendidos por todo o percorrido que fixemos, non podemos menos que dicir que a exposición é realmente marabillosa”, subliñou o representante da diplomacia danesa, que aproveitou este encontro co reitor para desexarlle moita sorte na nova etapa que inicie tras finalizar o seu mandato como reitor e agradecerlle “o traballo feito á fronte da Universidade e o trato exquisito co que sempre se nos tratou”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.