A Corporación insta ao Ministerio de Fomento a consensuar medidas co sector da estiba

A moción de Marea de Vigo traslada o apoio da cidade ao persoal do sector e sostén a necesidade de superar a incerteza xerada dende a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 2014 cun pacto que respecte os dereitos dos traballadores.
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

A Corporación insta ao Ministerio de Fomento a consensuar medidas co sector da estiba

O edil de Marea, Xosé Lois Jácome, expuxo a moción coa que o Concello reafirma o seu apoio ao sector da estiba e pola que insta ao Ministerio de Fomento, ás empresas e aos traballadores a acordar medidas que permitan superar a incerteza e consecuencias da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do ano 2014. A proposta foi apoiada polo grupo socialista.

Así, a Corporación demanda do Goberno español e da patronal da Estiba, ANESCO, que na mesa de diálogo respecten todos os dereitos laborais do sector e introduza garantías para o acceso ao emprego sen discriminación de ningún tipo, instando así mesmo, ao Goberno a cumprir os acordos da OIT.

No debate da moción, Jácome sinalou que é unha “infamia que o Goberno de España actúe en contra dos acordos dos traballadores”, logo de non ter acadado un acordo, mentres o edil popular, Miguel Fidalgo, defendeu as “moitas horas de diálogo” entre os sindicatos e a patronal. Pola súa banda, o voceiro socialista, Carlos López Font, considerou “prioritario” o apoio aos traballadores e o mantemento dos postos de traballo”, algo que soamente se consegue mediante a “negociación” coa que o Goberno central non deu logrado un pacto.