Corredores e “andainers” solidarios pola Esclerose Múltiple

O evento deportivo organizado pola Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple ( AVEMPO) bate récord de inscricións con 1665 participantes. Os gañadores da carreira 10 K foron Álvaro Marín e Sara Castelo.
Publicado por o día 28/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Corredores e “andainers” solidarios pola Esclerose Múltiple

Máis de 1600 persoas participaron hoxe na “VII Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple” para visibilizar a enfermidade e apoiar aos afectados de Esclerose Múltiple e ás súas familias. O número de participantes solidarios, comprometidos co evento deportivo que organiza a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO), aumenta cada ano.

Esta edición bateu o récord de inscricións do pasado ano, alcanzando un total de 1665 rexistrados entre carreira e andaina.A saída, que tivo lugar na alameda Suárez Chairos ás 11.00 horas, contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero; do concelleiro de Deportes, José Manuel Fernández e de Santos Hector Rodríguez, como representante da Deputación de Pontevedra. A solidariedade e o bo ambiente protagonizaron toda a xornada, na que participantes dean todas as idades uníronse pola mesma causa, concienciar sobre a Esclerose Múltiple.

Os gañadores absolutos da carreira, disputada sobre un percorrido de 10 quilómetros, foron Álvaro Marín e Sara Castillo. Na categoría masculina, Álvaro Marín impúxose cunha marca de 33:34, seguido de Daniel Pérez (34:29) e Rubén Pérez (35:23). Na carreira feminina, terminou en primeiro lugar Sara Castelo cun tempo de 39:28, seguida de María Casaleiro (42:37) e Fernanda Martín (43:52). Os gañadores absolutos da carreira, disputada sobre un percorrido de 5 quilómetros, foron Eduardo García (17:33) Karen Castro (21:16).

O evento converteuse nun alicerce importante para o mantemento dos servizos que ofrece a asociación. A recadación da anterior edición permitiu a AVEMPO contratar un fisioterapeuta durante doce meses a media xornada. Tras moito tempo de loita, a redución de axudas que se sufriu nos últimos anos fai que a participación social e solidaria sexa máis importante e necesaria que nunca.

Coa carreira, AVEMPO busca tamén difundir o labor que fai a asociación e sensibilizar á sociedade coa Esclerose Múltiple, unha enfermidade para a que aínda non existe cura e que afecta cada vez máis á xente nova.