Cortado o tráfico na A-8 a causa dun accidente á altura do Fiouco en Abadín

Por o 31/08/2018 | Sección: Sucesos
Cortado o tráfico na A-8 a causa dun accidente á altura do Fiouco en Abadín
Compartir en:

O tráfico viuse interrompido na A-8, á altura do Alto do Fiouco, a causa dun accidente no que se viron implicados un camión e unha caravana.

O 112 Galicia recibiu o aviso pasadas as doce deste mediodía a través das chamadas de varios condutores que pedían asistencia médica para os posibles feridos. Así, informouse aos servizos sanitarios de urxencias e aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendio e Salvamento de Vilalba, que descartaron intervir en canto comprobaron que os feridos estaban liberados e accesibles.

Con todo, o impacto, que se produciu no punto quilométrico 543 en sentido A Coruña, obrigou a cortar a circulación en ambos os dous sentidos e habilitar desvíos provisionais. Igualmente, tras este primeiro choque, sucedéronse outros de menor importancia uns metros máis atrás.

Para atender aos afectados, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Vilalba e persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento para a retirada dos restos provocados polos accidente e o restablecemento da seguridade na autovía. Os equipos de emerxencias continúan traballando no lugar do accidente.

Tres persoas feridas en Mos
Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente múltiple na A-55, ao paso pola localidade pontevedresa de Mos, no que resultaron feridas tres persoas. Foron varios os condutores que tras o impacto contactaron co 112 para pedir axuda para os feridos, que finalmente foron trasladados dous ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e un a Povisa.

O choque, no que se viron implicados tres vehículos, produciuse ás nove desta mañá á altura da parroquia de Petelos. Alí acudiron os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, así como os membros do Servizo Local de Emerxencias de Mos e axentes da Garda Civil de Tráfico.