Corte de tráfico na estrada provincial Meira-Fraga polas obras do corredor do Morrazo

A vía de unión entre a PO-313 e a PO-551 estará pechada baixo o viaduto de A Fraga durante dous meses a partir de mañá mércores

A estrada provincial EP-1102 entre Meira e Fraga, dentro do termo municipal de Moaña, estará cortada ao tráfico entre os puntos quilométrico 2+400 e 2+600 durante dous meses debido aos traballos de construción do viaduto de A Fraga, dentro do proxecto de conversión en autovía do Corredor do Morrazo.

O corte ao tránsito iniciarase ás nove da mañá deste mércores día 6 e prolongarase durante dous meses, ata agosto, baixo o viaduto existente para a calzada esquerda. A empresa responsable dos traballos, a UTE Morrazo (formada por Covsa e Taboada y Ramos), necesitará este tempo para instalar as dúas pías (a 2 e a 3) da nova ponte.

A estrada EP-1102 é titularidade da Deputación e funciona de conexión entre outras dúas estradas autonómicas pasando polo lugar de A Fraga: a PO-313 e a PO-551. Co fin de que as persoas usuarias sufran as menores consecuencias posibles polo corte, a concesionaria instalará sinalización para advertir do peche ao tráfico e anunciará os desvíos alternativos a través de outros accesos baixo o corredor cara ao núcleo de Moaña.

Está xa resolta tamén a dificultade que se plantexaba para o transporte escolar ata que remate o curso, cun acordo coa empresa Monbus para que realice sendas recollidas de escolares nos dous lados da vía de forma simultánea en lugar de nun único percorrido.

Hai que lembrar que a EP-1102 foi a estrada que se utilizou para repoñer o tránsito ata o núcleo da vila de Moaña mentres o corredor do Morrazo permaneceu pechado por obras.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM